Opinión

Por que non se traballa pola paz

Se as guerras, como expresaba Von Clausewitz, son verdadeiros instrumentos políticos, a paz debería ser un imperativo categórico

Un amigo meu, versado en temas de xeopolítica e economista de profesión, sostén que non se traballa con decisión e seriamente pola paz: e non só na Ucraína senón en todos os conflitos bélicos activos arestora no mundo, porque existe un poderoso e interesado negocio armamentístico e porque as elites políticas dirixentes, con moi poucas excepcións, ou están comestas por distintas formas de corrupción ou se adaptan, como unha luva na man, aos intereses dos capitalismos corporativistas, sexa cal for a súa procedencia, estancia e ascendencia. Dende que Eisenhower utilizou o termo complexo militar-industrial (1961) para designar os lobbystas de alta influencia na Casa Branca, xa soubemos para sempre que as guerras actuais –lémolo, por exemplo, nun informe do Centre Delàs de Estudos pola Paz– son un negocio que se explica en ciclos de economía militar baseados nunha lóxica neoliberal, algo que se pode sintetizar no feito de que os beneficios económicos son parte da guerra e as guerras prodúcense para extraer beneficios.

Máis alá das coñecidas palabras do premio Nobel da Paz Martin Luther King, nas que denunciaba que unha nación que gasta máis diñeiro en armamento militar do que en programas sociais fica máis perto da morte espiritual, chama moito a atención que os grandes poderes económicos, que se autocualifican como cristiáns e seguidores da obra do Creador e do Salvador, non comunguen coa palabra, por exemplo, dun Mateo Evanxelista, santo incondicional, que lanza ao mundo, para que resoe sobre todo nas conciencias cristiás, tal vez a súa frase máis redonda: "Ditosos os que traballan pola paz porque serán chamados fillos de Deus".

¿Estase a traballar realmente pola paz, en Ucraína, en Siria, no Iemen ou en Mianmar –por citarmos catro conflitos actuais– dende os altos organismos políticos, a Unión Europea, por exemplo, ou as Nacións Unidas e os poderes das diferentes igrexas, unhas e outras, que pregoan a Xustiza, a Bondade e a Paz na terra? ¿Por que diante de tanta violencia e tanta morte –sempre morren os mesmos: os de abaixo– non se activan vías diplomáticas internacionais, representativas, democráticas e intelixentes que poñan fin aos ríos de sangue que non cesan?

Se as guerras, como expresaba Von Clausewitz, son verdadeiros instrumentos políticos, a paz debería ser un imperativo categórico, ou mandamento autónomo, inescusábel.

Comentarios