Opinión

'Quid vis, Europa'

"SEN RUSIA, Europa é a metade de si mesma, tanto económica como culturalmente": así o expresa con máxima rotundidade o sociólogo portugués, toda unha eminencia internacional, Boaventura de Sousa Santos. Eu lembro ao fío do tema un artigo de Méndez Ferrín no que o gran escritor defendía que a Perspectiva Nevksi de San Petersburgo era unha avenida urbana plenamente europea, digámolo así, na súa configuración material e sobre todo no fondo; e non en van, digo eu, pasearon e pasean por ela –a gran literatura é vida e acción intemporal– varias personaxes inesquecíbeis de Gógol, Tolstói ou Dostoievski. 

¿Pode Europa –a intelixencia política da súa elite dirixente máis propiamente europea e independente– existir como tal sen a realidade económica, académica, científica e deportiva, e sen a estética cultural (literatura, música, artes plásticas, cinema), tanto no plano histórico como no actual, de Rusia? ¿É de recibo, nunha sociedade europea culta e intelixente, retirar da programación prevista dun concerto musical, como fixo a Orquestra Filharmónica de Cardiff, a Abertura 1812 de Tchaikovsky? 

O certo é que día a día aumenta o número de escritores, artistas, académicos e cidadáns europeos de toda condición que pensan e modulan en voz alta, diante da gravidade do que está a acontecer –toda guerra, fique ben claro, ten a nosa condena–, unha pregunta que a estas alturas resulta ineludíbel: ¿Que queres, Europa? O alemán Oskar Lafontaine, que fora ministro de Finanzas no primeiro goberno de Schröder, non ten pelos na lingua e afirma que a máxima preocupación dos europeos debería ser como liberarse da tutela estadounidense, pois o interese de EE UU –engade o que fora presidente do Estado federal alemán do Sarre– é ter a Europa como base bélica ao seu dispor para as súas aventuras, réditos e proveitos como potencia mundial. 

¿Acaso as altas esferas da Unión Europea non están a seguir na actualidade directrices, tanto bélicas como económicas e culturais, emanadas do ámbito anglo-norteamericano cando non directamente dende Washington? ¿Non debería a UE, a través do seu Parlamento, marcar e seguir unha pauta propia e independente, sempre coa paz e co respecto á cultura como postulados e principios? Como di o sociólogo portugués, os líderes europeos actuais pasarán á historia como os máis mediocres que Europa tivo dende o final da II Guerra Mundial.

Comentarios