Opinión

Racismo e morte no Perú

Cando escribo estas liñas contabilízanse 47 mortos e varios centos de feridos no Perú como consecuencia da represión policial e militar no contexto do estado de emerxencia disposto polo goberno, non elixido en urnas, de Dina Boluarte. O masacre — "matanza salvaxe de persoas", tal como define o termo María Moliner— é de tal natureza que até a ONU se viu obrigada a exhortar ás autoridades e forzas de seguridade do país a tomar urxentemente medidas para asegurar o respeito aos dereitos humanos, incluíndo o dereito á manifestación pacífica. ¿Cúmprense no Perú —así utiliza a linguaxe o alto organismo— os estándares e normas aplicábeis ao uso de armas contra os manifestantes? A pregunta sobra. E, dadas as circunstancias, resulta difícil crer que o estraño goberno da señora Boluarte leve adiante, como pide a institución defensora dos dereitos humanos, unha investigación dilixente, independente, imparcial e transparente para esclarecer o baño de sangue peruano.

O racismo existente no Perú —leamos ao filósofo José Carlos Mariátegui— reúne características de tipo estrutural, tanto no plano histórico como no social cotiá, e o desprezo polo "indio", tratado como ser "inferior" debido á cor da súa pel, á súa cultura e á súa orixe, é o pan de cada día. ¿Acaso o dominico Tomás de Ortiz non consideraba no seu día que os indios eran "bestas brutas" e "insensatos como asnos"? Eu lembro un conto do magnífico escritor peruano Julio Ramón Ribeyro —de moi posíbel orixe familiar galega— titulado La piel de un indio no cuesta caro, e tamén me teñen comentado o feito de teren aparecido pintadas na Universidade Católica de Lima, obviamente privada, nas que se pedía de xeito explícito "Haz patria, mata un cholo". Xulguen vostedes.

Porque iso mesmo é o que está a facer, baixo o seu mando e responsabilidade, a estraña presidenta Boluarte, pois a inmensa maioría das persoas asasinadas a tiro limpo nas protestas políticas que teñen lugar no Perú son indios, aimaras ou "cholos" e campesiños pobres, "naides" da serra: como ‘naide’ era tamén o presidente Castillo, fillo de agricultores analfabetos e "maestrito rural" non recoñecido nunca e desprezado sempre polas élites limeñas. A Fiscalía do Perú xa iniciou unha investigación preliminar por xenocidio contra a singular presidenta Boluarte. Tanto sangue verquido por autoridade racista ten que producir xustiza.

Comentarios