Opinión

Realidade do idioma

ESCRIBÍA ESTOUTRO día o xornalista Tito Diéguez un excelente artigo de opinión sobre o ‘xenocidio idiomático’ —ese era o título da súa crónica, en forma de texto de análise e reflexión moi condensada—, e referíase, no caso da realidade social do idioma galego, á existencia dun "exercicio de intento de xenocidio do diferente", porque existe un "supremacismo idiomático e exclusivo do castelán, cando a lingua ameazada é a galega".

Eu téñome referido en moitas ocasións á situación do idioma galego en relación co idioma castelán (‘castelán’ vén de Castilla), porque este último e os poderes que del emanan, institucionais, políticos, culturais e económicos, exerceron e exercen contra o galego, no plano histórico e no plano actual, unha sorte de xenocidio lingüístico, etnocidio cultural ou gloticidio que resulta a todas luces innegábel. Por iso resulta obscena e produce vergoña intelectual esa asociación supremacista española denominada Hablamos Español, que envía a Sanxenxo os seus axentes etnocidas para reivindicar o topónimo ‘Sangenjo’ e que afirma que os ‘hispanohablantes’ —mellor sería dicir ‘castellanohablantes’— sofren discriminación lingüística en Galiza. Xulguen vostedes.

Ben é sabido que na actualidade non existe no noso país nin un só colexio público —lembrábao non hai moito outro xornalista, Juan Oliver—onde se poida estudar en galego, e tamén é certo que non chega a un 5% a programación infantil televisiva en galego nin as sentenzas e autos xudiciais ditados na nosa lingua. Por outra banda, todos os informes de carácter científico e estudos sociolingüísticos sobre o idioma galego coinciden en sinalar que existe un claro proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, sufrindo o galego unha caída cada vez máis profunda na súa sociedade e territorio natural, porque o número de persoas que nunca o utilizan tense duplicado en dez anos e a xente nova no espazo urbano outórgalle ao galego un uso practicamente nulo ou anecdótico.

Esta é a realidade. ¿Vivimos un ‘momento crítico’? Aínda non. Mais nesta Galiza do século XXI está en marcha un proceso de etnocidio cultural, de gloticidio continuado. O retroceso do idioma galego no país que o deu ao mundo —e con grande éxito: velaí o seu fillo lexítimo, o portugués— é un feito evidente. A Xunta de Galicia debera analizar seriamente as súas responsabilidades nesta auténtica desfeita.

Comentarios