lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Salvini

Cada día que pasa vemos como o racismo e a xenofobia se estenden en Europa como unha mancha de aceite 

MATTEO SALVINI. ¿Quen é Matteo Salvini? De entrada é unha persoa que dixo, referíndose aos refuxiados en perigo de morte nas augas do Mediterráneo, que se trataba dunha "cantidade de carne humana" que "non tocará terra italiana". Mais Salvini, digámolo xa, tamén é vicepresidente da República Italiana e ministro do Interior do goberno dese país.

Salvini, de 45 anos, considérase católico e hai quen di que se deixa ver de cando en vez cun rosario entre as mans. Admirador de Le Pen e de Donald Trump, en certa ocasión comparou á presidenta da Cámara dos Deputados, Laura Boldrini, cunha "boneca inchábel". E ficou tan tranquilo. Mais tamén se lle ouviu dicir que a xente de Nápoles "cheira mal", e algúns mesmo lle riron a chanza. Comunista, disque, cando era novo, o certo é que Salvini -"sacar con bulldogs de Italia aos inmigrantes"- non dubida en xurar sobre a Biblia e ao mesmo tempo promete expulsar 500.000 inmigrantes e 30.000 xitanos.

Para entender o neofascismo ou fascismo de novo cuño resulta moi oportuno acudir ao escritor Umberto Eco, quen fala xa dun fascismo que está presente ao noso redor, e moitas veces, di o filósofo, "en traxes civís". Eco recomenda desenmascarar ese novo fascismo en todas as súas formas, e fainos saber que o primeiro chamamento que fai é contra os "intrusos", pois é racista e xenófobo por definición. Matteo Salvini, prototipo deste novo fascismo, xa di, sen pelos na lingua, que Benito Mussolini "fixo cousas boas" e tamén proclama que é preciso facer "limpeza de masa" en Italia, "rúa por rúa e barrio por barrio".

Cada día que pasa vemos como o racismo e a xenofobia se estenden en Europa como unha mancha de aceite, mais a exhibición dialéctica neofascista de Salvini non ten precedentes nun dirixente europeo contemporáneo. Salvini xa se contempla como sucesor do réxime fascista do "duce" Mussolini e aspira a construír un Estado policial para reprimir calquera caste de oposición social e política. Velaí a súa estreita relación co ideólogo da Nova Dereita alemá, o nazi Götz Kubitschek, e co partido neonazi grego Amencer Dourado.

Convén que prestemos atención ao Umberto Eco que nos avisa dos novos fascistas vestidos con traxes de Versace. Ou de Zara. Salvini é un deles. É un claro representante do novo fascismo do século XXI. Xa nolo advertira Albert Camus: o fascismo pode volver. En Italia, con Salvini, xa está instalado.

Salvini
Comentarios
ç