domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Saúde mental

Recibimos a noticia de que en Francia 1 de cada 3 alumnos presenta signos de padecer algún tipo de enfermidade mental ou problemas psicolóxicos, e a OIT constata que a metade dos mozos de entre 18 e 29 anos sofren, neste tempo de pandemia, cadros diversos de depresión e ansiedade. O certo é que a pandemia que nos asola está a producir no presente, e con segura proxección no futuro, graves problemas psicolóxicos e de saúde mental que deberían ser tidos en conta, tamén no plano da investigación, á hora de tomar medidas xerais para salvagardar o benestar individual e social. ¿Acaso se esqueceu que na epidemia da síndrome respiratoria aguda severa do 2003 houbo un aumento do 30% no número de suicidios de persoas maiores de 65 anos?

No momento actual, coa pandemia vírica en toda a súa extensión, deberíase ter en conta o que algúns expertos establecen como un marco necesario para priorizar e coordinar a investigación psicolóxica, social e neurocientífica esencial para lle facer fronte, á hora da acción política, ás serias ameazas existentes en materia de saúde mental. Porque os problemas de saúde mental ou cerebral están a aumentar por mor da pandemia, e oficialmente xa se computa que 10 persoas se suicidan cada día en España, cifra esta que sempre fica curta, pois non todos os suicidios son recoñecidos polas familias das vítimas. ¿Mais que acontecerá cos trastornos mentais unha vez superada a pandemia?

A día de hoxe os programas de prevención e de atención inmediata en materia de saúde mental brillan pola súa ausencia. Non existen verdadeiros protocolos -velaí o desastre sanitario/político da Atención Primaria- que permitan detectar a tempo os síntomas en persoas con trastornos depresivos, para a partir de aí proceder a actuar e a deter os procesos condutuais que levan ao suicidio. Un estudo do Hospital do Mar de Barcelona revela que, só entre o persoal sanitario, se detectan síntomas crecentes de depresión, ansiedade, ataques de pánico e trastornos de estrés postraumático. E todo isto, altamente preocupante, como produto das cargas de traballo sufridas durante as distintas fases da pandemia.

En definitiva, precísanse máis recursos para a prevención e a atención no campo da saúde mental, pois como advirte a Confederación Salud Mental España "o escenario preséntase desolador, se non se poñen en marcha as solucións e as medidas necesarias". 

Saúde mental
Comentarios
ç