domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Soledad Penalta na Academia

No momento actual, Penalta converteuse na gran mestra do "aceiro manuscrito", pois a escultora introduce con suprema delicadeza a súa propia letra no corpo do aceiro

INGRESOU SOLEDAD Penalta na Academia Galega de Belas Artes e esta institución, que cumprirá 170 anos no 2019, dignifícase e engrandécese admitindo no seu seo a primeira muller numeraria na sección de Escultura. porque Soledad Penalta (Noia, 1943), que comezou sendo ceramista titulada na Escola de Artes Aplicadas da Coruña, é por riba de todo e sobre todo escultora. Eu teño dito, xa anos atrás, que a artista noiesa, protagonista ela mesma dunha fulgurante evolución artística levada a cabo con sabedoría e persistencia, non só era un dos grandes nomes da plástica galega contemporánea, algo hoxe indubidábel, senón que estaba a ocupar xa un espazo significativo no conxunto creativo europeo —velaí a súa presenza e recoñecemento en París ou en Florencia— e que se proxectaba coa súa obra escultórica de forma crecente nun plano universal, como ben demostrou a súa presenza na Bienal Internacional do Cairo, en Exipto, en 2011.

Antón Avilés de Taramancos, mestre entre os mestres, soubo percibir na obra de Soledad Penalta un gran poder transformador e falou nun poema a ela dedicado da existencia dunha “urdime” profunda na súa creación artística, algo que eu asocio a unha textura matricial, a unha trama sublime (etimoloxía pura do límite) que combina os estados da materialidade e da levidade para nos ofrecer pezas que se transforman nunha sorte de "escultura aérea", tensión debuxada no ar ou encarnación ideal e simbólica do espazo. Soledad Penalta leva a cabo un exercicio físico do que a min me gusta entender como "intelixencia escultórica abstracta", unha fórmula de construtivismo que procura a forma por riba do volume e que posúe unha sensibilidade explícita e textural que nos proxecta de xeito inmediato unha dimensión poética da realidade.

No momento actual, despois de traballar con rigor a pedra, o bronce e o ferro —toda unha viaxe evolutiva, como ela mesma recoñece—, Soledad Penalta converteuse na gran mestra do "aceiro manuscrito", pois a escultora introduce con suprema delicadeza a súa propia letra no corpo do aceiro, escribindo materialmente sobre o metal e facendo real o designio de Jorge Oteiza, quen dixo un día que notaba que das súas esculturas "saían palabras". O poeta Alfredo Ferreiro falou tamén dun "aceiro humanizado pola caligrafía", mais, alén das formas e das técnicas, Soledad Penalta brilla agora extraordinaria, magnífica e clásica. 

Soledad Penalta na Academia
Comentarios
ç