martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

¿Somos 'homo sapiens'?

O 'homo sapiens', tal como actúa hoxe dende as altas esferas do poder económico e social, é un asasino ecolóxico en serie

SOMOS HOMES e mulleres "sabios", como nos bautizou o zoólogo sueco Linneo? O filósofo Ernst Cassirer tivo a ben definirnos como "animais simbólicos", mais o arqueólogo, paleontólogo e vicepresidente da Fundación Atapuerca, Eudald Carbonell, considera que só somos monos intelixentes e que non seremos humanos até que non adoptemos unha conciencia crítica da especie. E engade Carbonell, que é catedrático da Universidade Rovira y Virgili e premio Príncipe de Asturias de Investigación, que "unha das transformacións clave da sociedade é a fin da loita de clases, estrutura esta que fai que unhas minorías extractivas controlen e dominen á maioría". Xulguen vostedes.

Agora sabemos que as grandes multinacionais petroleiras, entre elas Exxon Mobil, Shell, Chevron, BP e Total, invisten máis de mil millóns de dólares para bloquear medidas contra o cambio climático e para incumprir os Acordos de París 2015. E case ao mesmo tempo a Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) presenta un informe no que se di, seguindo criterios científicos, que máis de 32 millóns de cidadáns españois (arredor do 70% da poboación) están xa a sufrir as consecuencias do cambio climático, un fenómeno que está a provocar o alongamento dos veráns, con anos moi cálidos na última década e cun aumento preocupante da frecuencia de noites tropicais. É dicir, segundo a Aemet a estación estival no planeta xa está a ter unha duración de 5 semanas máis do que tiña a comezos da década dos 80 do pasado século. ¿E por que acontece isto? ¿Existen responsabilidades en relación con esta circunstancia? ¿Somos en realidade, visto o visto, 'homo ou mulier sapiens'?

O Mediterráneo -en palabras de Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia- xa se ten "convertido nunha cloaca, como consecuencia do desenvolvemento urbanístico, turístico e industrial sen ordenación ningunha". E velaí a contaminación xeral do planeta polo uso masivo de pesticidas e produtos químicos, pola deforestación, polo lixo industrial e doméstico (os plásticos) ou polo uso dos combustíbeis fósiles. Alguén ten expresado que o 'homo sapiens', tal como actúa hoxe dende as altas esferas do poder económico e social, é un asasino ecolóxico en serie. Convén que reflexionemos sobre isto. E que teñamos en conta o que nos ensinaba Henry David Thoreau: "Na natureza está a preservación do mundo".

¿Somos 'homo sapiens'?
Comentarios
ç