domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Terrorismo machista

En Europa hai países que nin sequera realizan un reconto oficial dos feminicidios producidos
 

A PRIMEIRA muller asasinada por un home nun caso de violencia machista neste ano recén comezado tivo por escenario a localidade costeira de Laredo, en Cantabria. ¿Cando e en que lugar asistiremos á segunda execución do ano en curso? Nos últimos quince anos, coas estatísticas oficiais na man, foron asasinadas case 1.000 mulleres en casos de violencia machista. Por iso, e sobre todo a partir da existencia das primeiras estatísticas, comezou a xeralizarse o uso, primeiro de ‘violencia de xénero’, e, despois, con máis amplitude, de ‘terrorismo machista’.

Mais existen diversas voces —lembro agora a do filósofo Santiago Alba Rico— que negan a existencia de tal tipo de terrorismo, pois os crimes machistas non encaixan en ningunha definición de terrorismo, "nin na da Onu nin na dos EE.UU.", di o filósofo. Xulguen vostedes. Eu, por outra banda, coincido coa opinión mantida por Marisa Soleto, directora da Fundación Mujeres, que ve útil a expresión "terrorismo machista", pois os crimes machistas non son sucesos illados, xa que forman parte dun trasfondo ideolóxico, social e cultural que alimenta a crenza tradicional que teñen moitos homes de que as mulleres forman parte da súa propiedade e teñen dereito a exerceren violencia sobre elas.

O certo é que a violencia exercida sobre as mulleres por parte dos seus cónxuxes, parellas ou exparellas é claramente entendíbel como un tipo de ‘violencia de xénero’ que acaba por se converter nun problema estrutural e comunitario, colectivo. E deberíamos ir máis alá e falar con toda claridade de ‘feminicidio’. Segundo a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o número de mulleres e nenas asasinadas no mundo por un compañeiro, exparella ou familiar foi no ano 2012 —último estudo ao que tivemos acceso— de 43.600, e isto fala ben ás claras dun homicidio agravado ou acrecentado por razóns de xénero.

Os asasinatos machistas, debemos telo moi en conta, non cesan. En Europa hai países que nin sequera realizan un reconto oficial dos feminicidios producidos. O 35% das mulleres sofren no mundo casos de violencia: unha de cada tres. E agora a extrema dereita española emerxente en Andalucía propugna a medida fascista de non recoñecer as mulleres como suxeitos de dereito. Se isto se plasmase lexislativamente, estaríamos ás portas dunha violencia institucional contra as mulleres: campo aberto para o feminicidio.

Terrorismo machista
Comentarios