Opinión

Traballadoras do fogar

O certo é que, en moitos casos, a situación de moitas mulleres traballadoras do fogar aproxímase a un estado de indignidade

É PÚBLICO E notorio que as traballadoras que se definen como "de axuda no fogar", na súa inmensa maioría mulleres, levan máis de 10 anos sen renovar o seu convenio laboral. E as condicións precarias nas que traballan estas persoas, "esenciais" para o funcionamento da vida e da sociedade, acaban por constituír unha verdadeira vergoña tanto no plano político como no social. O Estado español, segundo datos fornecidos pola Organización Internacional do Traballo, é o segundo maior empregador de traballo doméstico de Europa, e aínda admitindo o avance que significa a convalidación dun recente Real Decreto Lei que recoñece o dereito ao paro das empregadas do fogar, mellorando as súas condicións laborais e garantindo un dereito reclamado durante anos, a realidade indica que a igualdade real e efectiva dos dereitos laborais das traballadoras segue a ser unha materia pendente.

E, diante do panorama que ven os nosos ollos —mulleres traballadoras do fogar que rozan un réxime de "escravitude" nunha sociedade democrática en pleno século XXI— xorden algunhas interrogantes. ¿Existe, por exemplo, un cadro recoñecido de enfermidades profesionais do sector? ¿Contémplanse, dada a dureza do traballo e as graves secuelas que este produce, os casos de incapacidade permanente? O certo é que, en moitos casos, a situación de moitas mulleres traballadoras do fogar aproxímase a un estado de indignidade e mesmo de miseria, pois prodúcese unha clara discriminación indirecta (ou directa) por razón de xénero, sendo así que no mundo, dos arredor de 100 millóns de persoas que se dedican ao traballo doméstico, máis do 76% son mulleres.

Como ben di Edith Espinola, licenciada en Administración e Dirección de Empresas e ao mesmo tempo portavoz da organización Servizo Doméstico Activo, se sumamos ao traballo de axuda no fogar o feito de ser muller estranxeira podemos chegar a afirmar que o "traballo de interna" é un xeito de "escravitude moderna". E isto os gobernos democráticos non deberían permitilo de ningún xeito, pois tende a naturalizar unha forma atávica de opresión, tantas veces machista e racista, que non só atenta contra os dereitos laborais, políticos, sociais e civís das traballadoras senón que bate de cheo no que atinxe aos dereitos humanos. Como nos ten dito a escritora Audre Lorde: "Non serei unha muller libre mentres siga a haber mulleres sometidas".

Comentarios