lunes. 20.01.2020 |
El tiempo
lunes. 20.01.2020
El tiempo

Trump e os inmigrantes

A característica que mellor define ao presidente dos EE.UU. na súa relación coa inmigración, entre outros temas de natureza social, é, sen dúbida, a inhumanidade

A FOTOGRAFÍA DA NENA salvadoreña de menos de 2 anos, Valeria, e do seu pai, Óscar, afogados, e mortos boca abaixo, entre auga e légamo, no río Bravo despois de trataren de cruzar a fronteira entre os EE.UU. e México, golpea a entraña mesma da humanidade. A foto foi difundida internacionalmente e congresistas e senadores estadounidenses sinalaron a Trump como responsábel destas dúas mortes, sendo así que unha ‘demócrata’ da Cámara de Representantes, Rashida Tlaib, non dubidou en afirmar, referíndose ao presidente de orixe escocesa por parte de nai inmigrante, que o ‘monstro’ de Trump e a súa desalmada Administración tiñan que render contas ao respecto.

O certo é que as Valerias e os Óscares, anónimos e sen fotografía, son habituais na fronteira cos EE.UU ., e tal é así que no ano 2017, con datos da Axencia Migratoria da Onu na man, producíronse 412 mortos, nenas e nenos incluídos, ignorados e ocultos para os ollos do mundo.

A característica que mellor define a Trump na súa relación coa inmigración, entre outros temas de natureza social, é, sen dúbida, a inhumanidade. O presidente dos EE.UU. leva a cabo actos de agresión contra os dereitos humanos de centos de milleiros de persoas que o sitúan nun grao de brutalidade e de iniquidade que chega a producir verdadeiro abraio e espanto. E existen imaxes e ‘realidades’ obxectivas do proceder político de Trump con respecto á inmigración, e en particular cos nenos inmigrantes, que nos lembran, en moitos casos, o que facía no seu tempo, digámolo con toda claridade, o nazismo.

Na actualidade xa se ten noticia de que o presidente estadounidense está a preparar campos de concentración para inmigrantes, nenos incluídos, comezando por unha base militar en Oklahoma, que fora utilizada como ‘campo’ para xaponeses-americanos durante a II Guerra Mundial. A día de hoxe existen miles de nenos que foron separados dos seus pais pola forza, e o diario The Miami Herald informou recentemente sobre unha base aérea, situada no sur de Miami, convertida nun auténtico campo de concentración con máis de 3.200 nenos detidos. Dende que Donald Trump chegou á presidencia máis de 25 persoas, incluídos 6 nenos, morreron nos centros de detención e concentración. E a congresista estadounidense Alexandria Ocasio-Cortez, do Partido Demócrata, non dubidou en sinalar a presidencia de Trump como "autoritaria e fascista". Xulguen vostedes.

Trump e os inmigrantes
Comentarios