Opinión

Un novo libro de Beiras

Xosé Manuel Beiras, o Beiras escritor e literato, acaba de publicar un novo libro: Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial (Edicións Laiovento). Con esta última obra literaria á vista, o líder político que é Beiras, recoñecido en Galiza e internacionalmente, supera ben os 50 libros publicados, entre obras individuais e colectivas, algunhas delas auténticos clásicos do ensaísmo contemporáneo, como é o caso de O atraso económico de Galicia (1972)

Existe un Beiras político "puro", teórico e sempre dado á acción, mais o artístico (excelente pianista) e sobre todo o literario (escritor en estado natural) sempre foron motores fundamentais da personalidade de quen é ademais un dos grandes tradutores ao galego da literatura dramática francesa do século XX: Anouilh, Giradoux, Camus, Sartre.

"Ler este novo libro do mestre compostelán funcionará tamén como 'antídoto', cando menos, contra certo 'vento escuro' que nos ameaza

Este último libro publicado polo catedrático compostelán resulta ser unha achega literaria de primeira magnitude. A obra é unha reportaxe, unha narración, unha crónica de dúas das sesións (Rabat e Dakar) do Consello Internacional do Foro Social Mundial, do cal Beiras era membro en representación da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa. Mais o libro vese enriquecido con outros escritos varios que se incorporan, entre eles unha reseña da obra de Luciano Canfora titulada A Democracia. Historia dunha ideoloxía.

O Beiras escritor, sexa no plano do pensador-economista, sexa nos ámbitos do ensaísta e tradutor ou do crítico científico-social, revélase sempre como un autor con clara "vontade de estilo"; dono, como quería Theodor Adorno, de "tons, modos e formas" que converten a súa escrita nunha realidade estética particular, en todo momento disposta con liñas de fondo sentido argumental, segmentos reflexivos de fonda raíz de coñecemento e espazos para unha "poética" discursiva e narrativa que xa se identifica claramente como marca propia.

Con estas Crónicas e figuracións dun transmundo colonial, fortemente literarias, Beiras segue a mostrarse como un dos paradigmas máis recoñecidos do ensaísmo contemporáneo, posuidor dun estilo único, función lingüística comunicante que, parella a un forte interese estético, se centra na mensaxe para facela vigorosa, vixente e transcendente. Ler este novo libro do mestre compostelán funcionará tamén como "antídoto", cando menos, contra certo "vento escuro" que nos ameaza.

Comentarios