viernes. 13.12.2019 |
El tiempo
viernes. 13.12.2019
El tiempo

Un poeta esencial

O TÍTULO Memoria dos días, formas da levidade (Poesía reunida 1979-2017) o poeta lugués Xulio L. Varcárcel ofrécenos, en moi coidada edición, 38 anos e máis de 500 páxinas de poesía proxectada no tempo, e asistimos a unha auténtica mostra de identidade persoal construída verso a verso, poema a poema, pois na obra global do noso poeta, en certo sentido "escultórica", evidénciase unha "identidade completa", como diría un crítico literario, entre o suxeito poético (lírico) e o suxeito real ou concreto, o propio poeta. Cando un ten na man o presente volume poético de Xulio Valcárcel experimenta como algo real o peso do traballo creativo realizado, a súa substancia ética e física, pois o poeta foi quen de pór en pé unha obra altamente recoñecíbel e transcendente. Mais, ao mesmo tempo, cando nos adentramos na lectura da obra, todos os libros publicados até o presente, percibimos as "formas da levidade", os silencios suspensos, os fíos invisíbeis dunha melancolía que se transforma en coñecemento sensíbel, un intimismo que ten a forma delicada da espiral e un humanismo que estremece.

Xesús González Gómez, crítico lúcido onde os houber, non dubida en situar a Xulio Valcárcel como un dos grandes nomes do que se deu en chamar Poesía dos 80 ou Xeración dos 80; "a promoción poética galega máis brillante do século XX", en palabras do escritor e crítico literario ourensán da Rúa-Petín. E o profesor Luciano Rodríguez, responsábel da edición e autor do estudo introdutorio de Memoria dos días, formas da levidade, afirma que estamos diante dunha obra necesaria e esixente, depurada, con vontade de permanencia: "facer memoria co material fráxil da palabra".

Para quen isto escribe, Xulio Valcárcel, que é tamén excelente narrador e ensaísta especializado en temas literarios e artísticos, é unha das máis grandes voces da poesía galega contemporánea e da poesía do noso tempo en xeral, dentro e fóra do espazo ibérico. A súa poesía é un "sensorium" que concentra unha visión do mundo, do ser e do corpo, a procurar as notas máis sensíbeis da existencia: unha linguaxe que establece todas as inflexións ou modulacións precisas para atinxir unha vía de coñecemento a través da tenrura, dos afectos e da experiencia vital. Poesía, pois, para atravesar o humano. Arte da memoria, como diría Antonio Gamoneda, e tamén arte extrema do vivir. Unha obra esencial e imprescindíbel.

Un poeta esencial
Comentarios