Opinión

Uxío Novoneyra universal

O Novoneyra universal, entre o ritmo profundo da súa poesía e as imaxes que proxecta no mundo, está para sempre con nós

Uxío Novoneyra é, sen dúbida, un dos mellores poetas europeos do século XX. El, que tivo fixadas as súas raiceiras materiais, e simbólicas, na súa terra courelá –nos seus eidos nativos–, proxéctase, a través da enerxía primixenia contida nos seus poemas, no espazo do universal. Ou dito doutro xeito, a partir dun punto inicial –o amor inmediato á terra e ao común–, Novoneyra é un planeta en si mesmo que se despraza maxestoso polo firmamento da poesía de todos os tempos. Teño nas miñas mans unha escolma da súa poesía traducida ao italiano polo profesor Marco Paone –Poesie della chiara certezza (2019)–, e a profundidade expresiva (sensorial) e o ritmo cósmico da obra de Novoneyra brillan e rebrillan como unha estrela de transparencias na lingua de Dante. O noso poeta, como nos ensinou Hegel, cando canta a terra propia, establece, dende a riqueza do particular, do individual e do singular, o universal verdadeiro; e por iso a súa lingua poética (a súa Patria-Lingua) obtén e mantén, por si mesma e traducida a calquera outro idioma, un estado de enerxía comunicante permanente.

Eu estou de acordo con Antón Patiño, un dos máis fondos e lúcidos pensadores sobre Novoneyra, cando di que o autor de Poemas da doada certeza mantén vivos en todo momento puntos de contacto coa arte universal, nunha encrucillada entre a palabra e a imaxe. En Novoneyra cada verso, cada palabra mesmo, maniféstase en forma de potencia, entendendo que esta enerxía ou fortaleza –diránolo o filósofo Francisco José Ramos– consiste en crear o que se nomea en cada instante, e nomear é tamén para o poeta un xeito de establecer un silencio habitado: o silencio das palabras e o silencio das imaxes que elas convocan.

En Uxío Novoneyra, por outra banda, exemplarízase a vella idea de Jean-Luc Nancy que fai referencia á existencia no clima dunha linguaxe imaxinada –a que o poeta establece: no caso de Novoneyra tamén dun xeito material– dunha forma necesariamente idiomática, si, mais tamén sonora e visual. O Novoneyra universal, entre o ritmo profundo da súa poesía e as imaxes que proxecta no mundo, está para sempre con nós. E agora xa repousa, para a eternidade, na súa Casa da aldea de Parada, na serra do Courel. Alí véxoo eu, con María Mariño, con Carlos Oroza e co seu propio perfil estremecido diante da natureza, a escribiren os tres o Poema que sempre ficará no Tempo.

Comentarios