Opinión

Vacinas e patentes liberadas

Unha pandemia das características da actual esixe unha resposta colectiva e integral, e as vacinas deben converterse nun ben de acceso gratuíto

Como ben di o economista arxentino Julio César Gambina, a cooperación internacional para a investigación, a produción e a circulación de vacinas debera estar no centro da preocupación intelectual da sociedade contemporánea. E estándomos como estamos, nun presente de máxima gravidade sanitaria e económica, con máis de 150 millóns de contaxiados e máis de 3 millóns de mortos por covid-19 no mundo, é de lei estudar de xeito inmediato a posibilidade de suspensión das patentes aplicadas ás vacinas para frear de vez o desastre pandémico (mortes humanas) nos países pobres, tal como demandan máis de 100 países e numerosas organizacións sociais e non gobernamentais, entre elas Médicos sen Fronteiras.

Diante dos graves problemas, por mor da pandemia/sindemia, aos que se enfronta a humanidade, cómpre unha reacción política urxente e global na que predomine o factor humano -a civilización humana no seu conxunto-, e as políticas sanitarias públicas e de alcance mundial, por riba de calquera factor económico de dividendos ou lucro privado e acumulación propios da lóxica da ortodoxia neoliberal. A situación pandémica é altamente crítica e dramática no Brasil ou na India, por exemplo, e practicamente toda África (46 de 55 países) vive unha situación moi preocupante de avance do virus sen existiren ferramentas e recursos que poidan facer fronte á hecatombe que se aveciña.

Nun momento de emerxencia mundial como o que ten lugar, coa espada de Damocles colocada sobre as cabezas de millóns de seres humanos habitantes de países pobres (e sempre a fame presente), suspender as patentes de vacinas e tratamentos sanitarios contra o coroavirus, provocando un aumento da produción (transferencia de licencias) e da distribución libre e universal dos fármacos e procedementos, semella unha medida absolutamente necesaria de ética social ou pública para contribuír ao progreso histórico da humanidade e ao recoñecemento do valor da vida.

Unha pandemia das características da actual, sen dúbida, esixe unha resposta colectiva e integral, planetaria, e as vacinas deben converterse nun ben público de acceso universal e gratuíto. Se non se liberan as patentes das vacinas e se organiza de xeito conveniente e democrático a súa distribución mundial, a humanidade acabará por escribir unha páxina infame na súa historia, e rematará actuando -velaí a estupidez máxima- contra si mesma.

Comentarios