Opinión

Violencia homofóbica

Existe propaganda que incita ao crime. E unha sociedade democrática non debería permitilo

COINCIDEN OS expertos en violencia homofóbica en que unha das principais características dos delitos motivados polo odio contra as persoas LGTB é a súa brutalidade. E, por outra banda, ben se sabe que, para os individuos que odian outras orientacións sexuais, abonda coa percepción dunha identidade homosexual ou de transxénero para pasar a ser albo esta de calquera caste de intimidación psicolóxica e, con frecuencia crecente, de agresión física. Nos últimos anos o número de agresións relacionadas con delitos de odio por orientación sexual non parou de medrar. Só entre 2016 e 2019 os ataques homófobos no Estado español, segundo datos do Ministerio do Interior, pasaron de 169 a 278, sendo así que a violencia física e verbal de carácter homófobo en España forma parte xa dunha patoloxía social evidente. E isto tendo en conta que só unha de cada dez agresións homófobas son denunciadas. 

O certo é que, máis alá do fracaso educativo e social manifesto, a violencia física derivada do odio e da fobia contra as persoas LGTB é un feito que non poucas organizacións de dereitos humanos constatan parello a unha normalización do discurso do odio tras a irrupción mediática, tantas veces ben vista e en moitos casos favorecida, da extrema dereita política. Dirixentes deste sector, contrario ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo e a que na escola se explique que as relacións heterosexuais non son as únicas que existen, non dubidan en alimentar a teoría conspirativa da existencia dun lobby homosexual que está a impor a súa ideoloxía en toda España. Un alto dirixente da extrema dereita, tan próxima neste e noutros temas ao partido ultra que goberna Hungría, deixouno ben claro na seguinte frase: "El problema es que en España hemos pasado de un extremo a otro. De pegar palizas a los homosexuales a que ahora esos colectivos impongan su ley". 

Ninguén poderá negar a existencia dunha relación de fondo entre os discursos crecentes de odio homofóbico da extrema dereita e o aumento das agresións físicas que se están a producir nos últimos tempos. Aquí e en toda Europa. O nacionalismo agresivo da extrema dereita, en moitos aspectos de corte hitleriano, está vinculado a un concepto particular e reaccionario de masculinidade e de familia patriarcal. Iso propágase aos catro ventos. Existe propaganda que incita ao crime. E unha sociedade democrática non debería permitilo.