martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Volve Millán Astray

VOLVE O xeneral Millán Astray ao rueiro madrileño, da man do rexedor José Luis Martínez-Almeida, e é como se en Berlín, o seu alcalde, Michael Müller, lle rendese honores a Rudolf Hess inaugurando unha rúa co seu nome a carón mesmo da Bebelplatz, ágora urbana coñecida pola Queima de Libros levada a cabo polos nazis a noite do 10 de maio de 1933. O coruñés Millán Astray, que xa non lle dá nome a unha praza herculina que tantos anos atrás o levou, inspirou agora, en pleno agosto de 2021, ao alcalde Almeida ("meseta", en árabe) para borrar o nome de Justa Freire das rúas de Madrid. Justa Freire, lembrémolo, mestra e pedagoga ilustre, que substituíra no rueiro, con aprobación do Concello de Madrid no seu día (coa abstención do PP), o fundador da Lexión e admirador confeso, textual, de Hitler e Mussolini.

Volve, pois, Millán Astray a Madrid (topónimo, por certo, tamén de orixe árabe), e desaparece a designación á mestra Justa Freire. E isto acontece así porque así o quixeron a Fundación Francisco Franco e a Plataforma Patriótica Millán Astray, tan ben ouvidos e interpretados os dous entes franquistas polo Tribunal Superior de Justicia de Madrid. O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 7 de Madrid estima que "non pode desprenderse, de maneira inequívoca, que Millán Astray participara na sublevación militar, nin tivera participación algunha nas accións bélicas durante a Guerra Civil, nin na represión da Ditadura". E punto. Aínda que a Real Academia da Historia, tan tradicionalista ela, recoñeza en palabras textuais que Millán Astray se "puxo incondicionalmente a disposición de Franco", realizando "un activo labor de propaganda, tanto do réxime como para elevar a moral das tropas". É dicir, o susodito foi xefe da Oficina de Prensa e Propaganda do terror franquista.

En definitiva, o autor dunha das frases máis brutais e abxectas da historia, "muera la inteligencia, viva la muerte", volve reinar triunfante nas rúas de Madrid. E faino coincidindo coa homenaxe que o presidente de Francia, Emmanuel Macron, lle rende en París aos soldados republicanos españois que loitaron a prol da liberación da capital francesa ocupada polos nazis. Vai acabar tendo razón, aplicando o seu pensamento ao 'millanastraynismo' do Madrid de hoxe, o noso don Ramón María del Valle-Inclán: "España (Madrid) es una deformación grotesca de la civilización europea".

Volve Millán Astray
Comentarios
ç