Opinión

Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín, por se alguén non o souber, é candidato permanente ao Premio Nobel de Literatura; así o admite a Academia Sueca

O MEU primeiro contacto con Xosé Luís Méndez Ferrín foi como lector de dous dos seus libros: 'Percival e outras historias' (1958) e 'Con pólvora e magnolias' (1976). O lector que era eu, adolescente, ficou encandeado, fascinado, e axiña souben —virían máis adiante outras lecturas ferrinianas, todas— que estaba diante dun mestre literario, e celebraba eu, con felicidade lectora e persoal, a marabilla do idioma e a perfección da linguaxe literaria que contiñan os textos de Ferrín. Teño afirmado que o autor de 'Arraianos' (1991) é un planeta literario en si mesmo e un mestre radical da beleza corpórea e simbólica da palabra, dono dunha estética fondamente establecida no tempo.

A lingua literaria ferriniana chega a atinxir mesmo características 'físicas', 'escultóricas', e eu percibo na obra literaria de Ferrín, no seu conxunto, a existencia daquilo que o director de orquestra polaco Stanislaw Skrowaczewski advertía na música de Bruckner: unha harmonía vertical; un coñecemento dos acordes expresivos, neste caso da lingua, libres entre si, e ao mesmo tempo encadeados contra toda disonancia. Así é o instrumento lingüístico do noso poeta e narrador ourensán.

Xosé Luís Méndez Ferrín, por se alguén non o souber, é candidato permanente ao Premio Nobel de Literatura; así o admite a Academia Sueca, e cónstame que o seu nome ten figurado máis de unha vez nas listaxes baralladas dende o Börshuset, edificio propiedade da institución, en Estocolmo, e que esta utiliza para as súas xuntanzas decisorias. Ferrín, sen dúbida, é unha das grandes voces literarias do universo europeo contemporáneo e, tamén sen dúbida, é o 'miglior fabbro', xunto con Otero Pedrayo, das letras galegas do século XX.

Mais o autor de 'Crónica de nós', alén do literario, recoñecido hoxe como un dos máis altos intelectuais do noso país, conseguiu só coa súa presenza, e sen procuralo el mesmo, crear arredor da súa figura un particular magnetismo persoal que se mantén e se proxecta no tempo.

O adxectivo 'ferriniano' xa resulta común no espazo cultural galego e é boa proba do ‘carisma’ que o escritor posúe e que é admitido de xeito notorio entre nós. E velaí tamén o Ferrín político, republicano e independentista, fiel aos seus principios e entendendo a solidariedade, dende Marx até Habermas, como unha propiedade humana que esixe unha adecuada realización social. Saúde e longa vida ao Mestre.