Opinión

Xurxo Alonso, pintor e poeta

TEN LUGAR estes días na Sala de Exposicións do Pazo de Torrado de Cambados unha mostra da última produción pictórica do artista Xurxo Alonso, e hai tamén uns días recibía o noso poeta o XXII Premio de Poesía Concello de Carral por un libro titulado En luz escrita. Eu teño dito en máis de unha ocasión que Xurxo Alonso, con máis de 70 exposicións de pintura realizadas e xa con 6 libros de poesía no seu haber, é un dos grandes nomes da creación artística e literaria do noso tempo. Nacido en Buenos Aires en 1956, Xurxo Alonso, curiosamente, partilla calidade artística con outra das grandes personalidades galegas, tamén pintor e poeta, e tamén nacido en Buenos Aires, de ascendencia familiar galega: Luís Seoane. A vida e a realidade producen estas venturas e estes albures.

A obra pictórica e poética de Xurxo Alonso é para este cronista unha das experiencias creativas máis importantes e felices do panorama das artes actuais

Pepe Cáccamo, autor do prólogo do último libro de poemas de Xurxo Alonso publicado, Oracións profanas (Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro), refírese ao noso pintor e poeta como un explorador infatigábel e retrátao con palabras certeiras: "Sorprende, abraia, emociona a titánica vontade do artista Xurxo Alonso, destinada a construír coa dobre linguaxe dunha entregada dedicación binocular (Poesía e Pintura, dous ollos complementarios para unha única visión) o museo de todas as causas, a borxiana biblioteca infinita".

O pintor Xurxo Alonso —e a exposición de Cambados así o demostra— é un dos grandes plásticos contemporáneos, posuidor dun alento pictórico que imbúe de razón poética as súas composicións, dominando en todo momento o espazo representativo da súa obra plástica e facendo un uso extravertido e dinámico das formas e das cores, sempre en condensación e compendio dun eu abstracto que se proxecta a través dunha vigorosa técnica compositiva.

E como poeta temos en Xurxo Alonso un autor sumamente culto, coñecedor, como quería Coleridge, dos misterios da imaxinación creadora da fantasía que sabe combinar, en fina intelixencia sensorial, cos factores vixentes da realidade. Se partimos dun Paul Valéry, vemos na poesía de Xurxo Alonso unha obra construída por unha multitude de espíritos e acontecementos (ancestros, estados, azares, xeografías) que sempre se excitan ou conmoven baixo a dirección do autor. A obra pictórica e poética de Xurxo Alonso é para este cronista unha das experiencias creativas máis importantes e felices do panorama das artes actuais.

Comentarios