Opinión

Xustiza e poder

España, na súa concepción xudicial -diría Valle-Inclán-, é unha tribo do Centro de África

Resulta inevitábel, entrándomos no tema aquí a tratar, que resoen sobre nós aquelas palabras de Quevedo, a sentenciar o clásico español que "onde hai pouca xustiza é un perigo ter razón". E tamén nos invade, do mesmo xeito, aínda que noutra dirección, o afirmado recentemente polo que fora maxistrado da sala do penal do Tribunal Supremo, o coruñés José Antonio Martín Pallín: "En España téñense producido intervencións xudiciais en asuntos netamente políticos". É dicir, existe unha guerra política de xuíces (determinados xuíces) que utilizan o dereito como pano de fondo ou, digámolo así, directamente como teatro de operacións para o ataque/defensa de particulares intereses de carácter político. ¿Lembran vostedes aquel senador, Ignacio Cosidó, que dicía por escrito nunha rede de comunicación social que o seu partido controlaría a sala segunda do Tribunal Supremo desde detrás?

Na actualidade asistimos —e todo por razóns de poder político “xudicial” de carácter partidista— a un desprestixio practicamente absoluto do máximo órgano de goberno dos Xuíces, unha institución que leva 4 anos caducada, bloqueada no seu exercicio obrigado de renovación —en funcións e coas súas competencias limitadas— e, polo tanto, sen cumprir coa Constitución e nunha situación que xa dende a Comisión Europea cualifican expresamente de desesperada. O denominado Consello Xeral do Poder Xudicial, para vergoña democrática —tamén o din dende a Europa do poder político—, é xa pura anomalía institucional e constitúe un atentado en toda regra contra o Estado de Dereito e para o funcionamento democrático do Estado español no seu conxunto.

En realidade, existe un núcleo de maxistrados que tanto no plano xudicial como no político, xúlgueno vostedes, séntense totalmente impunes, porque non acontece nada cando incumpren a lei e seguen a practicar, amotinados diríase tamén, unha forma de secuestro puro e duro do que todo o mundo entende como servizo público da Administración de Xustiza. Todo indica, visto o visto, que dende o partidismo político —que nolo explique mellor Cosidó— quérese dominar a composición do Consello do Poder Xudicial para así levar a cabo unha utilización política interesada da institución, tanto por diante como por detrás. 

España, na súa concepción xudicial —diría Valle-Inclán—, é unha tribo do Centro de África. Enténdase ben a metáfora do mestre.

Comentarios