Opinión

Do Casino á Moncloa

NINGUÉN DEBERÍA chegar a presidente de goberno sen antes pasar tres ou catro anos estudando, traballando, vivindo fóra. Fóra de España, quero dicir, non de Pontevedra. Porque se a escola para acceder á Moncloa son trinta anos de aprendizaxe chapoteando na política local, provincial, autonómica e nacional, o resultado é o que nos toca: aguantar co Rajoy da política máis cínica, rocosa e displicente dos anos de democracia. Esquecemos con facilidade que en calquera outra democracia, dende que sucedeu o de Bárcenas, non existiría a posibilidade de que o presidente de goberno continuase coas súas funcións. Aquí, coa súa resistencia e descaro inmutables non pasou nada a pesar de que esa grosa mochila de corrupción está imposibilitando a formación de goberno. 

As bases da actuación política de Rajoy fundaméntanse na arrogancia provinciana de quen mamou a superioridade e desprezo de ser e rodearse dos PTV (pontevedreses de toda a vida ). Ese estilo tan propio do século pasado, herdado do dezanove, fraguado nas horas de puro e cansino, tanto no centro histórico da cidade coma nas instalacións da Caeira ( que xa antes fora a finca do Marqués de Riestra, político e empresario innovador, pero sen deixar de ser o cacique da provincia de Pontevedra) condicionaron a súa actitude política. Ese estar sempre por riba dos demais (no fondo somos mellores), esa paciencia indestructible (xa caerán, con nós non poden) e esa pátina de superioridade intelectual (os seus contrincantes sempre carecen de formación e experiencia suficientes) marcan estes anos de goberno que nos trouxeron ata onde estamos.

Según o xuízo de Rajoy, Sánchez é un irresponsable rancoroso, Rivera un tarabelo verde e sen fuste, Iglesias un populista simpático

O problema de Rajoy son os amigos, a confianza depositada en moitísimos e a falta deles. Os amigos de casino dos que se rodea para que lle presten lealdade (servilismo) e que son unha boa recua establecida entre Galicia e Madrid. Este grupo de confort, salvo algunha excepción na que ademais de lealdade se suma eficacia, soe estar formada por serviles incompetentes. Pero se esquecemos este grupo de seareiros (de lado deixamos a mala sorte na elección de amigos nos que confiou como Bárcenas e socios madrileños e valencianos), o que mellor define a política desprezativa de Rajoy é a falta de amigos, de socios, de contrincantes que se fíen del como home de Estado. Como é que despois de tanto tempo en tarefas de goberno non consigue nin un só socio que se fie del, que o apoie, que acepte negociar e pactar? Ata este amago propiciado por Rivera recibiu por resposta unha frialdade e carencia de respecto inusitados. Mostrou tal apatía, tal displicencia, que pedía a berros aniquilar o acordo antes de nada. 

Según o xuízo de Rajoy, Sánchez é un irresponsable rancoroso, Rivera un tarabelo verde e sen fuste, Iglesias un populista simpático que lle presta inmellorables servizos e os nacionalistas, xa se sabe: nacionalistas. Do resto nin falamos, non existen. Que cabe diante desta situación? O que sempre quixo e desexa no fondo do seu corazón, supoño que ben conservado debido a ese paso marcial ao que nos acostumou pola ruta da auga e que xa traslada á súa actividade diaria: repetir eleccións ata que lle permitan gobernar como el quere, só como el sabe e quere, porque dos demais nada se pode aprender nin aproveitar. Por máis que repita que unhas novas elecccións serían unha vergonza, non se equivoquen, el quixo e quere novas eleccións. Iso si: tendo ben mazado a un culpable exquisito como é Sánchez. El e os medios que o seguen fielmente levan preparando a xogada dende o día despois das últimas eleccións: chivo expiatorio, nós non somos culpables, volvemos a eleccións e conseguimos outros diputadiños máis cos que gobernaremos. Como é posible tal estratexia? Porque sábese que o votante fiel do PP nin se cansa nin desespera nin nada lle cheira. E se o encirran convenientemente con un culpable evidente, mellor. 

A isto nos leva un político que pasou do Casino á Moncloa: a unha cerrazón túzara baseada en culpar aos demais coa finalidade de permanecer nas condutas políticas que considera únicas e inmellorables, porque ninguén está á altura da arrogancia provinciana que loita por prevalecer a pesar de que xa estamos no século XXI e o mundo xira en dirección oposta. Non teñan dúbida: a opinión pública xa está convencida ( o PSOE é o culpable), haberá novas eleccións, o PP sacará algún deputado máis (non polo cabeza de lista, con Bárcenas de candidato sería máis ou menos similar) e Rajoy conseguirá seguir impartindo cursos de simpleza e resignación como corresponde a un bo opositior de provincias.

Comentarios