Opinión

O xornal é cousa de vellos

SE TODOS fixeramos coma miña nai cos xornais, o problema económico no que hoxe se atopan as editoras en papel non serían tales. Aos noventa anos, sen gafas, non é que o lea: apréndeo , repásao, sérvelle de análise, de activador da memoria, de catarsis cando se cabrea, de distracción, de consolo e de aburrimento. Todo a un tempo. E todo cada día. Como cada vez a súa actividade diminúe a causa das mans retortas coma raíces pola artrose, sóbralle tempo ao longo do día para lelo en distintas sesións. A primeira pasada é de recoñecemento. Unha visión rápida, ás letras gordas, para situarse e ver se algo importante ocorreu. Algo importante sería un accidente cuberto de mortos, unha masacre terrorista, unha catástrofe natural ou tecnolóxica que infunda medo na poboación e nos recorde o limitados que somos. Esta visión panorámica acontece pouco antes de comer, o xornal non chega cedo ás aldeas e antes houbo que gobernar as galiñas, actividade da que no abdica, di ela que se tal fixera xa mellor sería ir para o outro mundo. Como as noticias gordas, por sorte, non traen tódolos días desgracias do tamaño que ela esixe, dictaminando que hoxe o xornal no trae nada opta por atender á súa hora sagrada da comida.

A segunda lectura, xa máis profunda, prodúcese despois do café. Acomodada no sillón repasa os titulares e vai folla a folla examinando cada noticia. E comentándoas, claro, non le para seguir en silencio, senón para inciciar conversación. Calquera tema lle serve. É fácil de contentar. Pode ser un asunto de política (son todos iguais, pero uns máis cara lavada ca outros), de educación, sanitario, accidentes miúdos... Se lle entran á conversación axiña se anima e converte a noticia nunha conferencia con amplas digresións, asociacións memorísticas e desvíos que acaban por nos arredar a todos do inicio da noticia. O xornal permanece na mesa atento ao monólogo materno, á espera dunha nova atacada que dará pé a unha nova conferencia. Antes prodúcese un silencio mentres ela asimila, repasa, ou se alarma diante do que está lendo. Cando xa meu pai ronca e os demais pensamos que se concentrou, de novo salta con algo que esixe explicación, comentario, rexeite, aprobación, desviación e largo monólogo que acaba por recrimnar a nosa falta de atención, escasa curiosidade e facilidade para nos adormecer cando tanto hai que ler, que espabilar, que esperar. Así por dúas ou tres veces ata que, case sempre o xornal caído enriba das pernas, tamén ela monea un anaco.

Cando esperta éntralle a dilexencia que a caracterizou sempre e busca apresurada algo que facer: "Ai, meu Deus, xa a tarde avanzada e sen facer nada..." Coma se o mundo dependese da súa actividade, érguese dun impulso en busca de traballo. Sempre atopa algo, traer unhas achas que ardan ben na cociña, recoller algunha roupa ... , ata que, actividade preferida e nunca esquecida, vai ver a evolución das súas galiñas, as mellor e máis personalizadamente coidadas de toda Galicia. Ten calculado meu irmán que, non só pola alimentación, senón epecialmente polas horas de atención dedicadas, deben poñer os ovos máis caros do mercado. As galiñas están pastoreadas, dirixidas, entendidas, comprendidas, nomeadas, queridas e guiadas cunha dedicación tan especial que cada ovo que comemos deberiamos antes adoralo e facerlle algunha xenuflexión.

Acabadas as tarefas que a manteñen aleuta e axil, chega a lectura en serio e definitiva do xornal. Escapando do frío e buscando repouso volve. Repasa algunhas noticias que lle mereceron especial atención ou cre que necesitan dunha análise máis detallada e regresa á esquela do coñecido onde os vínculos familiares non quedaron de todo establecidos. Isto leva o seu tempo. E os seus comentarios. Pero o momento definitivo vén cando elixe algún maltrato, crime, corruptela ou nomeamento que lle parecen aberrantes ou vergoñentos. As últimas noiticias que estiveron no número un de preferencias foron os maltratos dun home a unha muller (sempre se pregunta por que eses homes non se suicidan antes e deixan para despois mallar na muller, ao contrario do que vén sendo) e o nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa como membro do consello de administración de Red Eléctrica. Sobre os maltratos lamenta que nunca tal se viu e que isto é un andazo que non prognostica na bo, o mundo a mellor non vai. E sobre o nomeamento ("Ten pinta de chulito e repeinado este home"), opina que ninguén sabe tanto sobre tantas cousas, aquí funcionou o amigo que hai que ter, como foi sempre, é e será. Guinda o xornal , abúrrea ter que admitir que hoxe non di nada novo e agarda coma auga de maio que chegue o do día seguinte para mastigar cada noticia, cada títular, cada letra. Para ela o xonal segue sendo vida.

Comentarios