Opinión

Pobriño indecente

ANDAN AS AUGAS alodadas por mostrarse dous candidatos á presidencia coma discutidores de tarberna. E aproveitan os sorprendidos atacados pola mala educación e baixura do atacante. Que mágoa me dan! Pobriños! Co boíños e educados e cultos e delicados e tenros que eles son... A falta de cultura democrática, propostas estudadas, intelixencia colectiva, merecémonos estes esepectáculos de entretemento no que os protagonistas se rebozan na lama mentres os evadidos e aburridos espectadores tragamos rodas de muíño tal coma se estiveramos diante da vida misma que nos regala a diario ese meigo das ondas chamado Jorge Javier Vázquez. 

Quen diante de nove millóns de espectadores perdeu a paciencia e control, encheu de rabia os ollos e se sentiu no máis íntimo ofendido non é outro que o experimentado e resistente Rajoy. Ese político da inacción robusta, que durante o período de inicio da maior crise económica en décadas, por amor á patria, nulo afán partidista e espírito xeneroso e sacrificado polo ben do país se dedicou a proferir os insultos máis displicentes, clasistas e retortos ao presidente da época, Zapatero, quen, coma náufrago, bracexaba entre as olas que o mergullaban. Este político tan afectado por calificalo de indecente, para quen non lle alcance a memoria, recordareilles que a Zapatero acariñouno con estes ambles, estimulantes e doces insultos (cito textualmente): «acomplexado, insensato, cobarde sen límites, zafio, manipulador, grotesco, radical, taimado, maniobrero, irresponsable, frívolo, ambiguo, impreciso, débil e inestable, chisgarabís, bobo solemne, traidor aos mortos, falar en batasuno, sectario e ter a cabeza de adorno». Onde estaban daquela os educados, alarmados e ofendidos políticos do PP? 

Non teño o máis mínimo inconveniente en declarar que non é Sánchez político da miña devoción. Que non haxa enganos. Pero a rabecha de Rajoy e o mecanismo de defensa do seu partido e medios seguidores é dunha hipocrisía vergonzosa. Que ninguén rasgue as vestiduras nin encha a cabeza de cinza. Se o estilo é de macarra, o primeiro en non dar a talla, non estar á altura como a el lle gusta dicir, foi Rajoy. E si. Dixo Sánchez algo que millóns de españoles pensamos no seu día e calamos, nos esquecemos e desesperamos fastiados de que nada ocorra coa corrupción neste país. Pero é certo: ningunha democracia ás que nos gustaría parecernos consentiría que Rajoy continuase de presidentes despois do caso Bárcenas. É unha indecencia política monumental. Unha incongruencia de tal calibre que democráticamente é insostible. Son tantos os indicios, tan potentes e tan evidentes e escandalosos que ningún presidente en Reino Unido, Alemaña, Dinamarca o Francia podería continuar. Dimitiría pola propia presión do seu partido. A ninguén se lle consentiría tamaño descaro. Esa negación da realidade, ese agocharse e resistir ata o indecible admitindo como único pecado que se cometeu un erro no nomeamento dun cargo é dunha indecencia política inconmensurable. Claro que a resposta deste presidente diante da corrupción é indecente, e segue a selo cando aínda hoxe mesmo non ten opinión sobre deputados e embaixadores do seu partido que se enriquecen con comisións porque «non coñece o asunto». Non acabo de ver a razón de se sentir tan ofendido. Ten sorte de que non lle dixesense polo claro, copiándoo, que a súa cabeza está de adorno , é un acomplexado ou que é un bobo de solemnidade - estes si insultos ad hominem-, porque se el se sentiu con lexitimidade para afundir a quen pretendía reemplazar para salvarnos da catástrofe insultando con tal virulencia, moitos senten hoxe idéntica lexitimidade en utilizar idénticos métodos para chimpalo fóra, porque despois de catro anos nos ten encadeados a un rescate a perpetuidade e condenados a vivir en maior desigualdade, máis pobres e máis indefensos. Dende logo que eu non aprobo tales métodos, pero os que os usan, que non nos tomen por bobos. 

Nota: Rematado este artigo sei do ataque sufrido polo Sr. Rajoy na cidade de Pontevedra. Sobra dicir que se os insultos non me parecen o mellor método, a máis liviana manifestación de violencia física é inaceptable sen xustificación posible, merecendo a condena máis contundente e a solidaridade absoluta co agredido.

Comentarios