Opinión

Quero a cabeza de Íñigo Errejón

VIN OUTRA vez nestes días a película de Sam Peckinpah titulada : “Quiero la cabeza de Alfredo García”. Unha película na que o estilo de Peckinpah imponse entre as paisaxes de México, a terrorífica aventura dun impulso vital apabullante e unha dose de violencia extraordinaria. Todo para indagar a fondo nas motivacións dos seres humanos, na ambición e na vinganza, no desexo e na morte. Unha película que os dirixentes de Unidos Podemos non deberían esquecer. Non llela contarei polo miúdo, pero para refrescar e saber de que vai, lémbrolles que abre o filme cunha imaxe case pastoril dunha rapaza que desfruta e soña cos pés metidos no río sobre o neno que leva dentro e remata co bautizo do mesmo entre unha “balacera” interminable ata que o canón dunha pistola asoma nun primeiro plano glorioso apuntándonos a todos moi de cerca. No medio, a vinganza dun rico hacendado mexicano disposto a dar un millón de dólares a quen lle entregue a cabeza de Alfredo García, o pai do que será seu neto. Detrás da cabeza de Alfredo García e dos cartos que ela representa vai a cámara durante minutos de suor, alcohol, moscas e sangue ensinándonos as contradicións do amor e os sacrificios da amibición.

A irrupción de Podemos en España é un exemplo de como o atrevemento duns politólogos de departamento universitario - lugar non que sobra tempo para aburrirse e dá pé a que se lle veñan a algúns ideas salvíficas á cabeza- , sabendo do descontento e da crise do país, ulindo o fastío de moita xente, pero sobre todo o dunha xeración que o recibiu todo para ver agora que se pode quedar sen nada, crea un partido que representa o espírito chamado do 15M. A planificación funcionou como ninguén sería capaz de apostar cunha rapidez e eficacia pasmosas, dignas de estudo para politólogos futuros en departamentos de políticas e tamén xa de polítologos en activo que reflexionan nos medios. En tempo de nada ascenderon case aos ceos e chegaron a crer a súa propia fantasía revolucionaria, talvez alucionados polas viaxes a Venezuela: gobernar nun país coma España, europeo, democrático imperfecto, pero xa asentado nas regras de funcionamento da UE. Cocidos neste éxito tan rotundo, reunindo ideas en círculos e profesando nunha democracia directa e nun compromiso ético ilusos, foron perdendo o sentido da realidade, o ulido, a humilade, e deixáronse vencer en tempo de nada pola ambición, a precipitación e o o non recoñecemento de que para a acción política estaban moi verdes, pois do departamento da facultade ás institucións hai un abismo. Lear con grupos dentro a universidade é un xogo de nenos que leron catro libros sobre revolucións comparado con ter que lidiar cos intereses tan variados que unha sociedade esixe ao goberante.

Avanzaron con iluisión e contaxio mentres descubriron os fallos e corrupcións dos outros, pero instaláronse nun limbo ético, nunha limpeza e perfección impropias da natureza humana e moito máis de calquera organización. Así, cando as tres ideas básicas que admite calquera non deron máis de si e ás primeiras de cambio experimentaron que tamén eles eran mortais, corruptibles, ambiciosos, traidores e ilusos, sacaron os coitelos e desenganaron para sempre a unha boa parte dos seus electores. Se cando estiveron en opción óptima de demostrar que eran humildes, recoñecían que os tempos non estaban chegados, era suficiente con pasar á oposición e colaborar incluso con apestados (Ciudadanos e Psoe) para aprender, para conseguir tres esixencias fundamentais e liquidar do poder á dereita, evitando unhas novas eleccións, outro galo cantaría. Pero engatusados por enquisas manipuladas, por opinións sesgadas, cegados pola cercanía do poder, incluíron no seu desprezo a todo o que estivese á súa dereita, co que recibiron o resultado merecido: estades verdes, muchachos, toca esperar. E o que esperarán. Non volverán a ter outra oportunidade igual. Pasoulles o sol pola porta. Aprenderán en cabeza propia e saberán que dilapidaron millóns de votos que nunca máis recuperarán.

No último congreso impúxose a cabezonería deste erro orixinal. Pagarán o seu pecado. Poden realizar o teatro que desexen, seguir utilizando as redes, tendo moitos seguidores nelas, parecéndolles que seguen sendo moitos e moi unidos. Espellismos do deserto. Quedarán reducidos a un partido de esquerdas minoritario, revoltoso, moi aplaudido polos seus, pero nunca máis con posibilidades de acceder ao poder, a no ser que nos futuros tempos parlamentarios aprendan que sós están vencidos. Os ganadores esixirán a cabeza de Errejón, e haberá que se atreva a mancharse de sangue para ofrecela en bandexa ao patrón, pero ao final, nunha auténtica “balacera” ao Peckinpah, acabarán morrendo tantos polo camiño que só quedarán catro pistoleiros sen pés nin cabeza. Que desfruten da cabeza de Errejón, será a súa última satisfacción antes da morte lenta.

Comentarios