Opinión

Minutos de silencio

É IMPORTANTE marcar no calendario unha data que lembre a necesidade de erradicar a violencia machista. Unha data que empurre as institucións a idear campañas para concienciar a poboación sobre un problema que, aínda orixinándose de portas para dentro, non é doméstico, senón social. Que enfoque a ollada dos medios máis alá do suceso que cal ábaco vai aumentando a cifra.

É imprescindíbel un 25 de novembro, sempre que lembremos que ás mulleres tamén nos matan en decembro, en xaneiro, en febreiro. E que se saímos en tromba o último 8 de marzo foi, entre outras cousas, porque necesitabamos berrar contra a catástrofe dos minutos de silencio que ano tras ano, de tan cotiáns, se converten en hora.

Mirámolos impasíbeis, con anestesia, como se fosen irremediábeis. Porén, conscientes de que non hai solucións máxicas, quizais deberiamos pensar en utilizalos doutro xeito. En ficar un minuto en silencio antes de preguntarlle a unha vítima porque non denunciou logo da primeira labazada. Ou antes de avogar pola presunción de inocencia del, sen darnos conta de que, coa dúbida, estamos desbotando a presunción da veracidade dela. Por que non gardamos silencio antes de defender o dereito dun maltratador a ver a súa filla? Por que damos prioridade ao dereito de custodia dun adulto sobre o dereito á integridade dun neno? Por que non calamos un minuto antes de falar das denuncias falsas, das leis que desprotexen o varón, dos avogados que recomendan alegar maltrato para conseguir presuntas vantaxes a –sen presuntas– lurpias?

Mentres removemos o café, lanzámonos a verter críticas contra o encarapuchado que enfocan as cámaras do telexornal, custodiado por dous policías á entrada dun xulgado onde declara tras acoitelar a súa muller. Pero defendemos sen dubidalo o noso curmán cando é a súa muller a que marcha da casa cos dous nenos, alegando que está farta das súas humillacións. Porque xa nos demos conta nós no último Nadal de que ela non era trigo limpo, de que non se integraba, de que tiña a mirada sucia.

Quizais, non sei, a data debería servirnos para reflexionar se de verdade estamos sendo útiles, individualmente e como sociedade, ás vítimas. Se facemos algo máis que dicirlle que denuncien. Se teñen un lugar axeitado para facelo. Se as arroupamos cando é o noso amigo, o noso curmán, o noso fillo, ao que denuncian. Se as cremos sen manidos prexuízos.

Igual, se gardamos un minuto de silencio para reflexionar sobre a nosa propia actitude fronte a esta sangría, logremos, por fin, quitarlle bólas ao ábaco.

Comentarios