Opinión

Cataluña

O GOBERNO equivócase co independentismo catalán ao esgrimir a lei —isto é, a Constitución— como único argumento para evitar o diálogo. O seu erro é político, non legal, enténdaseme ben. Vexamos. En España as mulleres non puideron votar ata 1933. Todas as leis anteriores, incluíndo a tan vitoreada Constitución de 1812, prohibíano; xa que logo, foron inxustas. E este razoamento pode ser perfectamente utilizado polos secesionistas. Tarde ou cedo haberá que votar sobre a independencia de Cataluña, non me cabe dúbida ningunha. Non sei se votaremos todos ou só unha parte, pero haberá que facelo. Pero antes tocará debater, sen trabas nin pretextos, sobre todo, incluíndo a posible modificación da nosa actual Carta Magna —a que, por certo, aínda impide reinar a unha muller, aínda sendo primoxénita, se ten un irmán home—. Sobre o errático camiño emprendido polos independentistas, xa falaremos outro día, que tamén teñen o seu, vaia que si!

Comentarios