Opinión

Manual contra antivacinas

Como estou ata os miolos deste tema, elaborei este curto decálogo por se teñen unha conversa cun —ou cunha— antivacinas covid:

▶ 1. Vostede realmente quere erradicar a enfermidade? Ou é tolo/a ou contestará que si, claro.

▶ 2. Entón saberá que a vacinación acorrerá a evitar que vosa mercé se contaxie, é a maneira máis segura de xerar protección e, ademais, supón unha ferramenta imprescindible para axudar a frear a pandemia. Responderán que non é segura, pero nós interviremos decontado e expoñeremos.

▶ 3. É segura dabondo, porque ningunha das vacinas contra o coronavirus contén o virus vivo que causa o covid-19. Xa que logo, non pode facer que se contaxie.

▶ 4. Pero como pode saber se son seguras se saíron moi rápido?, retrucarannos. Darémoslles a razón en que as vacinas de Pfizer e Moderna creáronse nun tempo récord, pero non en que se apresuraron. Diremos que a tecnoloxía que subxace nas mesmas foi preparada coidadosamente durante máis dunha década. Esta tecnoloxía, plug-and-play, só necesita un código xenético dun virus novo, por iso estivo dispoñible poucos días despois de que se identificase e illase o novo coronavirus. As investigacións de Katalin Karikó e Drew Weissman foron decisivas para gañar tempo.

▶ 5. Entón, xa case sen argumentos, esgrimirá os efectos secundarios. Nós retrucaremos que entre os millóns de vacinados ata a data non se observaron efectos secundarios preocupantes.

▶ 6. Aí será cando saquen a pregunta: por que os alérxicos non poden vacinarse? A nosa rápida resposta consistirá en explicar que algunhas persoas teñen alerxias aos ingredientes específicos destas vacinas, claro, como a calquera outra.

▶ 7. Acurralado/a, sacará a artillería pesada afirmando que a vacina cambiará permanentemente o ADN e neste punto seremos tallantes. Faremos saber que é só un rumor que comezou porque as vacinas de Pfizer e Moderna usan material xenético, pero non cambian o ADN. Usan ARN mensaxeiro, que non queda no corpo.

▶ 8. E se nunha arroutada expresan que a vacina é máis perigosa que o propio covid-19? Neste caso remitirémonos ás estatísticas: polo menos o 1% dos infectados polo coronavirus faleceu; nas vacinas só se aprecian efectos secundarios menores, tal e como xa lle explicamos con anterioridade.

▶ 9. Neste punto o máis probable xa é que aseguren que o coronavirus é só un mito, unha mentira. Riremos con retranca e dirémoslles que si, pero que das boas, xa que ducias de miles de médicos e enfermeiras de todo o mundo están implicados nesta trola.

▶ 10. Acabarán cun lacónico "pois eu non a vou poñer. Non é obrigatorio". Pecharemos a conversa contestando: "Vale; agora ben, se enferma non espere que ninguén teña compaixón de vostede. Se lle temos medo á enfermidade e tamén á solución... menuda trapallada. Sentidiño, ho!".

Comentarios