Opinión

Falemos de primarias

"Nestes catro anos, seguen intactos os principios daquel mozo que coordinou a campaña de Borrell, que plantáballe cara ás baronías nos Comités Nacionais, e que liderou en Galicia a revolución Sanchista"

ESTE MARTES, cando me dirixía a toda presa a recoller a unha das miñas fillas, a unha velocidade que previsiblemente e grazas a miña boa zancada sobrepasaba o límite de 30 marcado na nosa cidade, escoitei unha voz inconfundible que chamaba por min.

"Donde vas pequeña?", unhas verbas que recoñecerían varias xeracións de pontevedresas e pontevedreses en calquera lugar do mundo por vir do responsable de centos de aprobados en matemáticas na miña cidade.

"Como va todo?" continuou dicindo, e sen darme tempo a contestar continuou falando e evidenciando así o interese daquela fortuíta conversa: protexerme e advertirme.

Agarrando o meu ombreiro nun xesto de agarimo, o xesto dun profesor que non quere que as súas alumnas e alumnos tropecen, díxome: " Nunca perdas os teus principios e non te deixes manipular".

Ben sabía do que falaba, porque el mesmo viviu a política na súa casa e coñece de cerca o que supón estar na primeira liña e renunciar a cousas polo ben do partido.

Pero máis alá dos sacrificios, tamén ten a sorte de poder falar orgulloso de ter na súa familia a alguén que foi quen de poder acadar a presidencia da Xunta, e traballar 4 anos por consolidar un proxecto socialista de cambio en Galicia dende a honradez e a esquerda.

A nosa conversa foi breve, debido á presa que eu levaba, pero serviume para interiorizar o seu consello nun momento ademais crucial para o meu partido.

Un momento, no que nos enfrontamos a unhas primarias que van determinar o modelo do PSdeG e un proxecto de futuro con retos tan vitais como a saída da crise xerada pola pandemia do Covid-19, o ecoloxismo ou o feminismo. Un momento, no que temos que apostar por seguir avanzando pola esquerda.

Ninguén pode cuestionar que dentro de cada partido político hai diferentes liñas, debaten no PP o modelo Feijóo ou o modelo Ayuso, no nacionalismo a Ana Pontón moderada das pasadas eleccións ou a que abraza a Otegui e Puigdemont, e nos as e os socialistas non somos menos.

Así, historicamente estaba o modelo Felipe vs Guerra, Borrell vs Almunia, ou Pedro vs Susana. Nesta orde que enumero dentro da historia socialista, sempre me decantei polo primeiro, aínda que agora non comparta a posición actual de Felipe, pero teño que recoñecer que este marcou a miña infancia.

Lembro que na miña mocidade me marcaron as primarias que gañou Borrell, e que en Galicia coordinaba un mozo xa daquela ben reivindicativo chamado Gonzalo Caballero. Foi aquela a miña primeira gran decepción política, non entendía como podía primar un modelo menos de esquerda e máis centralista.

Pero sen dúbida, o punto de infl exión no partido foron as primarias de Pedro. Unhas primarias, que supuxeron un gran tsunami que arrasaría coa concepción clásica do PSOE e un cambio total de rumbo cara a esquerda ao fin!

Pedro Sánchez e ese novo rumbo evitaron aquí un declive similar ao que estaban a padecer as socialdemocracias europeas e a colocarnos como 1ª forza do Estado.

Agora toca volver a elixir, e eu o teño moi claro, seguirei fiel aos meus principios, non cambiarei de posición, como estou segura que non farán a maioría dos compañeiros e compañeiras que hai 4 anos confiamos noutra forma de facer política, política centrada nas persoas e pola esquerda e por iso, seguimos ao carón de Gonzalo Caballero.

Nestes catro anos, seguen intactos os principios daquel mozo que coordinou a campaña de Borrell, que plantáballe cara ás baronías nos Comités Nacionais, e que liderou en Galicia a revolución Sanchista.

Sigo e seguirei ao seu carón porque neste 4 anos dedicouse en corpo e alma o partido, adquirindo as competencias que lle deu a militancia con toda a responsabilidade e altura que merece o PSdeG. Porque loitou e continúa loitando por enderezar un timón que manteña ese rumbo cara a esquerda, feminista, ecoloxista e acorde cos novos tempos. Porque nestes catro anos o PSdeG ten acadado fitos que ninguén pode poñer en dúbida como son acadar o goberno de 5 das 7 grandes cidades, 3 das 4 deputacións, e un total de 10 deputadas e deputados e 6 senadores.

Pero seica para algúns compañeiros/as isto non chega, e prefiren primar e salientar un resultado autonómico marcado por unha pandemia sen precedentes e despois dunha campaña na que máis que remar a favor puxeron paus as rodas. Unha campaña chea de dificultades na mentres algúns só miraban polo seu propio interese, outras e outros sacabamos a cara polo goberno progresista e non deixamos de traballar polo PSdeG e na busca do cambio en Galicia.

Pero certamente pouco me sorprende, non esquezamos que hai xa 4 anos eles mesmos estiveron no outro bando, con Susana e contra Pedro e Gonzalo. Agora, como protagonistas do filme do Día da Marmota toca elixir novamente polo modelo que precisa este PSdeG.

Comentarios