Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Folgade!

Este 8M débese entender como un día histórico que marcará no noso país un antes e un despois na procura da igualdade

Participantes da manifestación en Vigo. SALVADOR SAS
photo_camera Participantes da manifestación en Vigo. SALVADOR SAS

TEDES todo o dereito do mundo a berrar. Tedes a obriga moral de loitar, de pelexar e de folgar para defender uns dereitos esquecidos durante anos e séculos, desprezadas por toda unha sociedade que se aproveitaba e aproveita de vós sen o menor reparo. Aínda terán que pasar moitos anos para que esta sociedade se poña a ben con todas as mulleres que ao longo da historia fixeron do seu traballo, do seu esforzo calado en beneficio de moitos homes, unha carga que levar dende unha serie de hábitos adquiridos que se foron sucedendo no tempo como algo normal e aceptado por todos nós. Na nosa comodidade estaba o voso sufrimento. Agora, unha nova realidade fixo que rachedes con ese espello no que vos mirabades como unha parte da sociedade que non precisaba da nosa atención, como se esa actitude de facer moito máis do que debiades, sen máis compensación ca un agarimo (no mellor dos casos), formara parte do voso papel.

Este xoves tedes a oportunidade de facer que os vosos brazos caídos sexan unhas mans ergueitas pedindo unha igualdade da que só falar a estas alturas da película nos dá vergonza a moitos de nós. Acadar os vosos dereitos significa achegarnos a unha sociedade máis xusta na que todos poidamos desenvolvernos dunha maneira máis honesta como seres humanos, e tamén unha obriga a resolver co futuro encarnado nos nosos fillos e fillas. Brechas salariais, violencia de xénero, afastamento de órganos de decisión, conciliacións imposíbeis, traballo doméstico, desprezos e desigualdades enchen de medallas de chumbo o peito dunha sociedade que durante demasiado tempo gabouse de ter as súas mulleres sometidas ao poder masculino e a súa situación de privilexio que moitos homes néganse a ceder.

As nosas rúas teñen que converterse este xoves no altofalante dunhas mulleres fartas, que están, si, ata a cona, como estariamos nós se durante todo este tempo tiveramos que soportar o que elas aturan día tras día (párense a pensalo só uns minutos), pois si, ata o carallo. Non se me asusten polas palabras, asústense polos datos: o de mulleres galegas que terían que traballar setenta días máis ao ano para igualar o salario dos homes; ou a cifra de mulleres vítimas da violencia de xénero en toda España, con 917 delas asasinadas nos últimos catorce anos; ou os datos, imposíbeis de calcular, das horas que fan as nosas avoas, nais ou mulleres como amas de casa sen renunciar ao seu traballo fóra do ámbito doméstico. As concentracións, os paros ou as folgas deste violeta 8 de marzo teñen que supoñer un antes e un despois visibilizado neste paro feminino, único en Europa, e que dende unha sociedade secularmente tan machista albisca un punto de luz ao final do túnel.

Cara ese punto de luz é cara onde teñen que dirixirse as mulleres para alumear toda a nosa sociedade dende a igualdade de xénero. A súa participación na xornada deste xoves convérteas no centro de atención do mundo enteiro no Día Internacional da Muller. Un día que ten que converterse en eternidade para esquecerse de renuncias, de asoballamentos, de medos, de menosprezos, de explotacións... en definitiva, de todo aquilo que atenta contra máis da metade da poboación mundial, porque si é tanto todo isto contra o que aquí temos que loitar, imaxinemos como pode ser a situación das mulleres noutros paises brutalmente desfavorecidos. Folgade!

Comentarios