Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Pontevedra, pasos de cine

FIN DE SEMANA de galardóns en San Sebastián, a gran cita do cine peninsular, co permiso dos amigos de Cans, por suposto, e sen nada que envexarlle aos grandes festivais europeos como Berlín, Cannes ou Venecia. O festival deste ano zumegou saudade galega a través dunha película que tamén chega nesta fin de semana aos cines, El Desconocido, de Dani de la Torre, da que todo o mundo fala ben e que non ven máis que a refrendar as calidades e potencialidades dun sector que non deixa de dar alegrías a Galicia a través do bo facer dos seus protagonistas, e desa franquicia chamada Vaca Films, que todo o que toca convérteo en ouro de intelixencia. A industria do cine segue a medrar na nosa terra, pasos lentos, abofé que sí, pero firmes e posiblemente xa sen marcha atrás.

Pontevedra tamén quere dar algúns deses pasos, pasos que levaron o nome da nosa cidade ata ese senlleiro festival no que se proxectou na sección ‘Made in spain’ cun cheo absoluto e as entradas vendidas dende días antes da súa proxección a obra do marinense Ángel Santos, Las altas presiones, producida pola pontevedresa Matriuska con Daniel Froiz á fronte e a colaboración entre os actores da nosa Marta Pazos, sustento creativo dese outro milagre de talento e inxenio que é a compañía de teatro Voadora. Tal conxunción de nomes non podía parir outra cousa que unha boa película, un intimista retrato do ser humano nunha desas complicadas situacións ante as que nos sitúa a vida resolta como un fragmento real desa propia existencia, sen estridencias, simplemente rexistrando feitos comúns, idas e vidas, luces e sombras, e toda ela envolta nun territorio, o de Pontevedra e a súa bisbarra, que cada vez máis se afianza como posible escenario para retomar o que xa fora en tempos, un axeitado escenario para diferentes producións. Apostar por Pontevedra, como o ven de facer de xeito decidido por A Coruña Dani de la Torre na súa película, será descubrirá e aportará vida a eses filmes. Estámolo vendo nas webseries que xurden do entorno da Facultade de Ciencias Sociais, canteira emerxente para abordar futuros proxectos de maior calado que por necesidade fan de Pontevedra escenario, pero que tamén pode selo polas súas invocacións a todo o que se agocha nela.

Ogallá algúns deses proxectos xurdidos dese centro educativo teñan cabida en anos sucesivos no recén presentado Festival de Novos Cinemas que, dende esta semana, está na rúa como un deses pasiños para seguir camiñando no audiovisual galego. Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo apostan de xeito decidido, esperamos que así sexa e que non aconteza como en experiencias pasadas, por afondar neste terreo que amosa tantas posibilidades, tanto para explotar a creatividade como para facer da cidade unha referencia dentro do sector, co que iso pode significar en canto a prestixio e tamén, que o queredes todo, como referente turístico e económico. A edición cero, que terá lugar en decembro, servirá para tomarlle o pulso ao que dende a organización se plantexará ao longo do ano 2016, pero non nos cabe dúbida que tendo a Daniel Froiz, Suso Novás ou Ángel Santos, xente de cine pola que corren fotogramas polas súas veas, como coordinadores do evento, as expectativas de éxito xa se poñen a funcionar.

A semana deixou máis deses pasiños, confirmándose que outro deses proxectos cinematográficos made in Galicia segue adiante, como é a película baseada na novela de Manuel Jabois, La estación violenta que, producida por Matriuska, contará co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e na dirección con Anxos Fazáns, unha desas creadoras de webseries (Fame) das que lles falei antes e que seguen a medrar unha vez que atopan o osíxeno da confianza depositada e tamén os cartos precisos para que os soños se volten realidade.

Cámaras, luces e acción podería chamarse esta semana que posiciona a Pontevedra nun lugar no que leva intentando mergullarse dende hai algún tempo. A creación da Pontevedra Film Commission foi un paso valente para que a cidade se resitúe nesa competición por ser unha cidade de cine, agora, con novos actores ao fronte de todo isto, a valentía debe converterse en accións e subliñar as posibilidades que nós mesmos temos de facer cousas tan boas como as que asomaron ao longo destas poucas liñas. Non hai máis que deterse nos nomes propios escritos en negrita para darse conto do potencial, ou de parte dese potencial, xa que hai moitos outros nomes agardando a que ese pasos medren en lonxitude, pero tamén en afouteza, para que o cine ou o audiovisual deixe de ser a gran eiva do sector cultural de Galicia e tamén de Pontevedra. Actores, escearios, produtores, certames, directores, divulgadores... todos eles conforman unha paisaxe que quere deixar o fundido en negro para que as imaxes flúan sen interferencias, sen sombras que ameacen, como ao protagonista de Las altas presiones, o seu devir pola vida. El busca localizacións para unha película, abofé as localizacións son as da súa propia vida, os escenarios nos que vencellarse a un entorno necesario ao que volta a buscar respostas, aínda que se saia con máis dúbidas. Ogallá no cine en Pontevedra se afasten as dúbidas e os pasos vaian na dirección axeitada.

Comentarios