Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Recendo

"Non hai memoria tan precisa, tan vivida e evocadora como a que se recupera a través do olfacto, e vai tan unida ás sensacións que se experimentaron xunto ao olor"
[Dolores Redondo, escritora da Triloxía do Baztán]

Non lles parece fermosa esta palabra? Recendo, un olor agradable que se incrusta no noso interior, tanto, que en moitas ocasións non é algo pasaxeiro, senón que chega a formar parte da nosa memoria ou dos nosos recordos. Cando escoito falar da Feira do Cocido de Lalín , entre as moitas lembranzas dunha vida vencellada á aldea do meu pai, o recendo do cocido ou o olor que xurdía da pota de caldo na lareira da casa dos meus avós, son algúns deses aromas que suxeitan o realmente importante de cada un de nós, aquilo que nos chanta na terra e nos explica como comunidade.

Non me gustaba esa feira das vaidades que se facía ata agora na capital do Deza . Capas e famosos de pouca talla que fixeron dunha festa do pobo algo que só pretendía o chanzo mediático, a pasarela de estrelas coas que se pretendía alumear unha vila que non precisa desas distracións sobre as súas posibilidades para xerar a atención que se procura arredor dese produto estrela da nosa gastronomía. A nova faciana que se lle busca dar vai nesa dirección, na de achegarse á raíz, de que sexan os veciños, os restauradores ou os visitantes os que se leven a atención mediática, que son en realidade os que a merecen. Eles traballan, cultivan e crían durante un longo ano de silencio e esforzo todos eses ingredientes que fan do cocido unha obra mestra que se mergulla nos nosos padais para lembrarnos o que somos, algo que non é sinxelo de explicar, porque cada un de nós temos a nosa experiencia coa terra e a gastronomía. Sabores que se agochan nunha especie de conxelador do pasado que, nun certo momento, cando te levas á boca un produto que xa ía tempo que non comías, abres para trasladarte ata moitos anos antes. Cando todo sabía diferente, cando as persoas que te acompañaban formaban parte dunha paisaxe hoxe xa baleira, cando aquela mesa, arredor dunha cociña quente, era o principio e final dunha vida da que apenas sabías nada, pero na que eras inmensamente feliz mentras ulías ese recendo que pouco tiña que ver co que desprendía un mesmo cocido feito na cidade na que vivías ao longo do ano, sen aquel lume, sen aquela auga, sen aqueles produtos.

É o pouso da aldea, o estar preto dun río cheo de troitas, dun muiño máxico que botaba a fariña ao chan ou dun carballo baixo cuxa sombra as horas non tiñan importancia. Un tempo que xa pasou pero que aínda podemos recuperar inscrito nun prato de cocido. Unha xeografía dos sentidos convertido nun territorio da memoria.

Este ano van ter moita sorte en Lalín de que lles fale Manuel Jabois , o noso compañeiro (sempre o será) que dende Madrid chegará para converter o pregón no que en realidade debe ser, máis aló dunha foto con algún personaxe máis famoso, senón unha achega con fundamento do que se fala, con experiencia sobre o que se vai dicir e coa necesaria dose de humor para abrir un tempo de festa e ledicia. Un novo pregoeiro para un novo alborexar. Fai uns poucos días chegou a Pontevedra un autobús publicitario desa Festa do Cocido, unha nova perspectiva do que teñen entre mans os de Lalín e que agora se promociona dun xeito moito máis efectivo, e probabelmente máis económico que outras temeridades feitas ata o de agora. Nese autobús agasallábase aos veciños da capital da provincia cunha cunquiña dese feitizo máxico.

Esa viaxe do autobus fíxena moitas veces. Cando voltaba da aldea a noite adoitaba ser pecha e chegaba durmindo no coche, cando me espertaban, sen saber moi ben onde estaba, outro recendo, este moi diferente, golpeábache afirmando que xa estabas en Pontevedra, era o cheiro dunha Celulosas que te espertaba de calquera soño e te levaba a vivir un pesadelo do que semella nunca nos afastaremos. Condeados a esmagar outra paisaxe coa demagoxia duns empregos que serían moitísimos máis de poder explotar sectores como o turístico ou o marisqueiro nun entorno recuperado e cos postos de traballo da fábrica a salvo noutra ubicación, que ninguén ata o de agora se preocupou de estudar seriamente polo ben de todos. Unha herdanza miserábel feita a traizón polos cómplices dos consellos de administración e as portas xiratorias. Eu quédome con aquel recendo, o do cocido da miña aldea, dunha aldea de Lalín.

Comentarios