Opinión

Ata pronto, Mauro Lomba!

O peche do Espazo Nemonon déixanos orfos dun deses redutos da cultura, imprescindibles en calquera comunidade, no que os afectos tecidos arredor de Mauro Lomba fixéronse firmes
Mauro Lomba, en pé, o pasado sábado na despedida do seu Espazo Nemonon. FOTO RAFA FARIÑA
photo_camera Mauro Lomba, en pé, o pasado sábado na despedida do seu Espazo Nemonon. FOTO RAFA FARIÑA

O pasado sábado o arquitecto Mauro Lomba abría unha paréntese na vida do seu Espazo Nemonon, en Villa Pilar, que agardamos non tarde moito en pecharse coa apertura doutro proxecto de complicidade cultural que tanta falta nos fai hoxe en día, e máis aínda nunha cidade con non demasiados espazos nos que propoñer este tipo de alternativas abertas a creadores e entidades culturais que sempre atopan atrancos á hora de dar cun espazo acaído para as súas actividades.

Cando Mauro Lomba puxo diante da comunidade social e cultural de Pontevedra un espazo como o seu, no que dende o primeiro momento dividía o seu ámbito particular entre o seu estudio de arquitectura e unha sala aberta á cidadanía para presentar libros, facer concertos, propoñer conversas, ter exposicións... moitos non deixamos durante bastante tempo de frotar os ollos como non crendo aquilo que non deixaba de ser un deses milagres que de cando en cando acontece nunha cidade.

Un espazo de altísima calidade arquitectónica, no corazón de Pontevedra e que, lonxe das pretensións económicas que moitos procuran cando fan estas cousas, todo o que se daban eran facilidades para que os demais, os pintores, os escritores, os músicos, os poetas ou quen solicitase ese espazo para conectar a súa respectiva obra co público, a levasen a cabo.

Xa pasaron dez anos daquel primeiro acto e hoxe en día xa se chegou aos trescentos (que se di pronto) e aínda seguimos frotando os ollos. Ninguén dubida que isto lle custou cartos, moitos cartos a Mauro Lomba. El di que recibiu con creces o pago axeitado con coñecer a tanta xente, con achegarse a tantos creadores que tamén influíron na súa mirada cara o mundo e mellorando o cómo afrontar a súa profesión, esa que tantas veces se desapega da realidade vivindo únicamente entre maquetas.

Non teño dúbida dese pago, aínda que con el non se poida levar o pan á boca, pero si fai boa a frase de Federico García Lorca aos seus veciños de Fuente Vaqueros na inauguración da biblioteca do pobo cando dixo que cando tivera fame non pediría un pan, senón medio pan e un libro.

Na procura dese alimento que só as persoas boas e nobres son quen de valorar, Mauro Lomba achégase aínda máis á xente co seu próximo proxecto que é o de abrir outro espazo no centro histórico da nosa cidade, baixando os chanzos de madeira de Villa Pilar e ofrecendo un novo lugar de creación e solidariedade cultural a pé de rúa.

Nesas rúas bulideiras de Pontevedra, que fan da cultura un sustrato permanente da súa oferta vital. Esa mesma que dende onte podemos ollar no Pazo da Cultura coa exposición A cidade é a pegada, explicando o que somos, ou a que acolle estes días o Festival Novos Cinemas, tamén a que vén de despedir unha nova edición do Culturgal ou a que non deixa de acoller presentacións de libros nas súas librarías... e na que, aínda con moito por facer, iniciativas como as que xorden de persoas como Mauro Lomba convértense nunha ledicia colectiva que facilita a conexión entre persoas con inquedanzas semellantes, algo impagable para calquera tribo e que tamén debería poñer roxos a moitas entidades de maior xerarquía que aínda non son quen de entender que iso redundaría na súa imaxe por enriba de acadar cartos, mentras deixan esmorecer espazos, ilusións e proxectos individuais e colectivos.

Agora é tempo de agardar, de soñar o que será quen de pensar Mauro Lomba para compartir a súa profesión e o seu desexo de seguir tendo cerca da sala de máquinas da súa arquitectura a tantas cabezas e mans que traballan nas infindas direccións da cultura. Para iso Mauro Lomba sabe que Pontevedra é o mellor lugar, como todos nós sabemos que él é das mellores cousas que lle pasaron a esta cidade, porque seres así son impagábeis para calquera colectivo, e máis no da cultura, no que sempre faltan mans para estar seguros e orgullosos do feito. Grazas e ata pronto, Mauro Lomba!

Comentarios