Opinión

Cuestión de feitos

A realidade adoita ser o mellor programa posible para calquera político. Lores sábeo ben, o seu programa é a propia rúa, o xa feito e que anuncia o que está por vir

ANTONTE participei na Coruña no acto de presentación do libro ‘A muller de lona’ de Alberte Santos, despois do que, e non esaxero, polo menos tres persoas viñeron felicitarme, non polo dito, senón por vivir en Pontevedra, o que é máis razoable que facelo polas miñas palabras, gabando deste xeito os cambios nesta vila nas últimas décadas, as súas bondades para a vida e o necesario que é para as persoas ter cidades que confíen nelas. Mesmo un deles xa vive na nosa cidade ao tempo que desenvolve o seu traballo ao pé da Torre de Hércules, por se algún de vostedes xa está a pensar aquilo de "dende fóra vese todo moi bonito pero...".

Cando moitos che preguntan sobre cómo Miguel Anxo Fernández Lores segue sendo alcalde despois de tantos anos, e dende onte, xa firme candidato a repetir outro mandato, con presentar esas reflexións de xente que coñecía como era esta cidade e como é agora, pois xa pode ter unha rápida contestación a ese éxito permanente do BNG en Pontevedra. E repito o de BNG en Pontevedra porque non son poucos os que non valoran o suficiente que un partido das características do Bloque leve máis de vinte anos no goberno dunha capital coas características históricas e sociais de Pontevedra, o que lle dá máis valor ao feito sobre os idearios políticos, tantas veces excluíntes coa realidade.

Onte mesmo Ana Pontón felicitouse da decisión de Lores de seguir adiante e iso é porque a líder nacionalista sabe ben (e o seu éxito futuro depende en boa medida diso) da capacidade e necesidade de xuntar persoas de diferentes sensibilidades baixo un proxecto común que unha ampla maioría da cidadanía entenda como útil para o colectivo. Axitar bandeiras vencelladas á mellora dos espazos urbanos, avanzar na calidade de vida dos veciños, loitar contra o cambio climático, converter a cultura e a creatividade nun sinal de identidade, son as bandeiras que a xente quere ondear, moi por enriba doutras, dentro dun sentimento colectivo de ilusións e confianza, pero sobre todo de orgullo por onde se vive.

Se algo foi quen de acadar o goberno de Lores ao longo dos anos é colocarnos aos veciños da cidade unha medalla no peito que reloce alí onde vamos e da que estamos ben orgullosos, e que por moito que algúns queiran quitarlle brillo tópanse coa realidade que adoita ser o mellor programa posible para calquera político. Lores sábeo ben, o seu programa é a propia rúa, o xa feito e que anuncia o que está por vir,que adoita ser sempre o mellor. Mal faría o alcalde en envolver todo nunha paixón pasada e non na que está por chegar. Ser quen de apostar por un proxecto visible que permita aumentar as posibilidades do feito será a mellor ferramenta fronte aos que o acusan de cansazo (?) pero que non valoran unha experiencia fundamental para a xestión pública e o coñecemento das necesidades da cidade, como se Feijóo non fose mellor político en 2022 que en 2009, no seu primeiro mandato na Xunta.

Nese libro que me levou a Coruña o seu autor emprega unha cita de Walter Benjamin que di o seguinte: «A construción da vida atópase actualmente máis no poder dos feitos que das conviccións». E o certo é que por moitas palabras e por moitas ideas que os nosos políticos solten pola súa boca o que realmente os define son os seus feitos, as decisións que cada un deles toma. E os feitos son os que lle están dando a razón a Lores en cada un dos seus mandatos, co apoio dun PSOE que non está a desentoar nese rumbo común, acadando o derrubo de candidatos do PP que caen como fichas de dominó elección tras elección.

Feitos por parte do goberno que puxo a Pontevedra no lugar que ten como unha referencia incuestionable na calidade de vida, que é o motivo último de toda cidade, converterse no mellor lugar posible para as persoas. Pero feitos tamén dunha oposición incapaz de poñer freo a ese caer de pezas, ao non ser quen de plantexar algo no que crer que sexa bo para a cidade, máis alá de xeneralidades e accións (feitos) que negan o que moitas veces se di dende a palabra, algo que o votante é incapaz de entender e moito menos apoiar.

Achéganse unhas novas eleccións e os partidos fixan posicións. Os feitos duns e doutros serán os que marquen o camiño que se abre cara a sempre apaixoante xornada na que se decidirá o que prefira esta cidade para o seu futuro. Eu, mentras tanto, sigo ben orgulloso da miña cidade e de que me falen tan ben dela cando vou por aí

Comentarios