NON é sinxelo botar a ollada atrás. Facelo cara un tempo do que tentamos fuxir, e mesmo esquecer, polo que significou despois de tanta perda de vidas e dunha chea de liberdades que se anularon de xeito temporal polos obrigados confinamentos.
Sempre queremos evitar o que nos fixo pasalo mal pero, desbotando xa aquel mantra aínda hoxe estremecedor de que iamos a saír mellores de todo aquilo, cando menos si que temos que poñer en valor unha serie de cousas das que penso todos nos demos conta naquela travesía chea de medos e perigos que tentamos sortear con maior ou menor fortuna.
O primeiro do que nos demos conta foi da necesidade dun sistema sanitario público ben alimentado, da obriga dos nosos dirixentes por facer do sistema de saúde a maior liña de resistencia fronte ao que máis importa ao ser humano, a saúde. Levamos anos asistindo a un progresivo deterioro, que mesmo son os profesionais sanitarios os que denuncian esa perda de médicos, o maior activo de calquera sistema sanitario como o noso, que resistiu de forma milagrosa na pandemia polo impagábel traballo dos profesionais tras horas e horas extenuantes. Agora trata de recobrar o pulso que se deixou agoniar, pero aínda nos atopamos cunha falta de resposta eficaz de quen ten a responsabilidade de poñer por riba de calquera outra política a mantenza da súa calidade e a resposta primaria ante a sociedade.
Pechados, tamén nos demos conta da necesidade do ser humano por facer da imaxinación unha das mellores compañías para a vida. Un libro, un filme, un cómic, unha canción ou unha serie, visibilizaron de maneira efectiva a forza da cultura para ser refuxio, pero tamén para ser un bálsamo co que enfrontarnos á existencia. Se xa adoita ser unha das mellores sociedades das que formar parte cando todo está en orde, cando todo salta polos aires, cando o desconcerto te envolve e cando a incerteza é o espazo que te rodea, abrir un libro convértese nun acto de resistencia do que, aí si, sáese mellor. Non extraña daquela o incremento nos índices de lectura dende a pandemia, nin os aumentos nas vendas nas librarías, polo menos nos meses seguintes, agardando que non esquezamos as leccións aprendidas naqueles meses, cando só dende as nosas ventás ou dende os nosos libros podiamos fuxir daquel desacougante escenario.
Tamén nos demos conta da verdadeira pel dos nosos representantes políticos e de que xeito moitas das súas decisións, palabras, actos e compromisos, tiñan máis que ver coas súas siglas que coa realidade do país e con tentar trabar ao adversario. Porque a política neste país cada vez máis se entende dende a confrontación, dende empurrar polo precipicio ao rival, aínda que facéndoo caiga por el boa parte da cidadanía. Para sempre quedarán na nosa mente, e oxalá se manteñan polo menos ante as vindeiras eleccións, o feito por cada un, as decisións que moitos tomaron no seu beneficio, en vez de axudar a poñer as solucións precisas para o ben común.
Outra cousa da que nos demos conta foi do papel activo das cidades en situacións límite do ser humano. Como non todas as cidades son conscientes do seu papel ante un momento actual no que estamos forzando á natureza ata extremos esgotadores, ata o punto de revolverse ante nós. Aínda lembro naqueles días cando todo o mundo quería fuxir das cidades, marchar ao campo, aproveitar ao máximo o mellor aire posíbel para poder aliviar as penurias dos peches. Como non nos entre na cabeza que as cidades teñen que ser cada vez máis sostíbeis en canto á sua relación co medio ambiente, eliminando tráficos superfluos, axentes contaminantes e aumentando as súas superficies verdes, seguiremos tendendo a nosa destrución como especie e a incrementar as posibilidades de volver ao imperio das máscaras e a falta de sorrisos para protexer a nosa saúde.
Oxalá darnos conta das cousas e non esquecelas como a mellor vacina moral para a nosa sociedade. Oxalá!