Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Miga e anteface

Pois xa está aquí, xa chegou o noso Entroido, o máis chulo de Galicia, un Entroido de tradicións e tempos novos que fai dun papagaio un símbolo co que ninguén pode competir. Un papagaio anarquista, como o Ravachol que lle deu nome, e que foi quen de tolear ás fillas do mesmísimo Montero Ríos coa súa lingua afiada, e que hoxe non deixaría a Urdangarin marchar impoluto a Suíza, sacaríalle os ollos co peteiro a eses noxentos matamulleres e voaría alporizado ante o pretendido asolagamento da Marea ao BNG de Pontevedra.

Daquela, ningunha imaxe mellor que a do plumífero para anunciar o noso Entroido. O difícil, claro está, e o cómo, aquilo que preocupa a todo creador, e por iso o cartel do Entroido deste ano converteuse en todo un achado. Unha interpretación de Ravachol que non deixa de sorprender, o que é sempre a premisa dun elemento cunha forte carga simbólica. O tándem Kiko da Silva e Din Matamoro compuxo unha auténtica obra de arte de miga e anteface que, ademais de conter Entroido e cidade, o fai dende un enorme talento. Iso acontece cando se xuntan dous ‘cráneos privilexiados’, que diría outro estatuario pontevedrés. E é que moi mal se teñen que poñer as cousas cando se dan este tipo de alianzas. Kiko da Silva tirou do pintor Din Matamoro para compoñer unha receita de primeiro nivel, e que ademais ten unha forte compoñente artística xa que encaixa na súa nova produción, a que camiña dende unha arte do cotiá, en paralelo a súa pintura, sempre posuidora dunha fonda preocupación pola luz. Así é como Din Matamoro amosa unha serie de imaxes que xorden desa cociña que se está convertendo para o pintor nunha imprevisible paleta, na que, a partir de diferentes ingredientes, conformar un prato, en primeiro lugar abraiante, e que despois se converte nun canto á imaxinación e as posibilidades do artista para reflectir unha nova realidade, neste caso, de algo que adoitamos desprezar. Así é como as mondas dunha pera convértense nunha pomba, un allo nunha grúa ou unha cebola nun coello. E agora tócalle ao Ravachol formar parte dese imaxinario a partir de varios anaquiños de pan que, situados estratéxicamente, dánlle vida ao noso querido papagaio.

Dá deste xeito este cartel un paso adiante na propia historia do noso Entroido. Un chanzo máis que reflicte o que é o seu grande éxito, o de manter o fío directo coa tradición e cun ingrediente único, para reactivalo, dende unha mirada moderna e chea de audacia. Ese é o camiño axeitado para seguir medrando dende aquel primeiro Entroido de 1876 con Urco e Teucro loitando no Lérez, as edicións de 1888 e 1900, o pasamento do Ravachol en 1913, o subterfuxio das Festas de Primavera no franquismo, a recuperación do Entroido na rúa en 1984, o Enterro de Ravachol en 1985, o Concurso de Murgas e, nos últimos anos, as mostras da Parodia e a Noite Pirata, que non deixan de ser motivos para prolongar a festa, para seguir facendo desta cidade territorio para a vida, o que é o bulir que se agocha tras unha festa popular. Un sentido da vida que en Pontevedra faise cómplice da propia cidade presentada como escenario e que nestas festas, como en moi poucas, debido á prohibición durante moitos anos e ao seu encerro en diferentes sociedades privadas, ten que facernos ter sempre presente a súa importancia para facer do Entroido de Pontevedra unha das referencias na comarca e en Galicia dun Carnaval urbano cheo de elementos propios.

Cada vez que vexamos o atraínte cartel deste ano pensemos nas posibilidades desta festa e en como as boas ideas o único que fan é acadar que medre a súa sona e o seu potencial. Ese paxariño de miga de pan con ese chorriño de aceite tan peregrino e tan ben colocadiño que ata o podería firmar o mesmo Pepe Solla é o mellor empurrón para esta semana que gusta de voltear as cousas, de poñer todo patas arriba, o que, con todas as noticias coas que nos enfrontamos estes últimos días, non estaría de máis para gozar ao cen por cen para non tolear, para non vivir no permanente cabreo no que semella se nos quere instalar neste comezo de ano.

Collan careta e anteface e trouleen todo canto queiran, é tempo de rachar regras e, sobre todo, de gozar dunhas festas cheas de historia e historias ás que agora se lles engade un novo prato cheo de calidade.

Comentarios