Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Mulleres bravas*

NESTA SEMANA tinxida de violeta non foron poucas as iniciativas ou os xestos que de novo puxeron en valor ás mulleres, e aínda máis, as mulleres fronte á fenda que teñen que superar no seu día a día respecto a unha sociedade esaxeradamente masculinizada. Minoradas en infinidade de eidos do noso mundo fronte ao home, a cor malva destes días ondeou como unha bandeira movida pola brisa da esperanza e axitada polos refachos da coraxe por andar a estas alturas da película con estas reinvindicacións que semellan propias de séculos pasados.

este sábado mesmo, na Librería Paz, terá lugar outro axitar de bandeiras coa presentación na nosa cidade, Culturgal aparte, dunha colección de libros dirixidos ao lector infantil, aínda que non só a el, que saen do prelo da Editorial Urco baixo o título de Mulleres bravas. Unhas publicacións nas que se fai unha escolma de mulleres que amosaron a súa afouteza fronte á vida, vencelladas pola lingua a unha terra da que nunca se desfixeron é a que honraron ata as súas respectivas mortes.

Polo de agora son dous os títulos publicados. O primeiro, inevitabelmente, tiña que estar adicado a Rosalía de Castro, a pedra angular da historia da muller na sociedade galega, na que vida e poesía compuxeron unha clara cerna reivindicativa que aínda este sábado é ronsel para moitas outras mulleres. O segundo deles achégase moito máis aos nosos días e tamén á nosa Pontevedra.


Como muller brava, como heroína dunha vida na que sempre fuxiu de protagonismos, precisaba tamén de actores secundarios


A inesquecíbel María Victoria Moreno é a protagonista dun deses libros que reloce como unha pequena xoia e dende o que volver a compartir tanto como nos deixou esta muller. Certamente, o de brava encáixalle a María Victoria Moreno perfectamente. Tan pronto como aterrou en Galicia acolleu a nosa lingua como súa, e non só iso, senón que fixo un primixenio apostolado dela, xa non só coa súa fala, senón ensinándoa ou, como non, dende a escrita de numerosos libros cos que engaiolar a miles de rapaces para facelos entrar, dende a educación e a lectura, no territorio do galego.

Libros que eran divertidos, cheos de temáticas actuais e próximos a mocidade, con mulleres que os protagonizaban dende unha cotidianeidade que viña a rachar con moitos dos estereotipos daquel momento, e nos que sempre había algunha mensaxe que pegar á pel, que levar ao noso carón para sempre. Textos inagotábeis aos que un aínda se asoma este sábado coa emoción de coller unha antiga edición dese Anagnórise que formou parte das nosas vidas e na que se suceden os nomes de varios membros da familia que puxeron mans e ollos sobre el.

Un axóuxere doutro tempo coa forza suficiente para levarte a unha época de construción, de formación dun mesmo que nin sequera podía imaxinar este este sábado que temos, no que ás veces todo semella que está baleiro. Un tempo no que, abofé, non confiabamos nin en nós mesmos, pero alí estaba María Victoria Moreno. Ela xa o facía poñendo nas nosas mans moito do preciso para medrar coas súas palabras e coas súas arelas: "As persoas estamos feitas para levar adiante os soños máis fermosos", escribiu nese texto. Ela foi das primeiras en incluir esas arelas nos plans de estudos, do mesmo xeito que fixo dos afectos manuais para servir de alicerce a todos eses cativos que se proxectaron nela e dende ela.

Como muller brava, como heroína dunha vida na que sempre fuxiu de protagonismos, precisaba tamén de actores secundarios. Alma, a súa cadela, ou Teresita, o seu coche vermello, foron algúns deles. Pingas que compuxeron o océano da súa personalidade, no que, como vemos, aínda se botan barcos a navegar sabedores, como sabemos moitos, de que aínda se poden apañar moitos peixes.

Eli Ríos, que fixo o texto deste libro, como María Lado fixo o de Rosalía, xunto ás marabillosas ilustracións de Eva Agra en ambos, ou o traballo dende a editorial de Andrea Jamardo, son tamén mulleres bravas que reivindican este sábado un traballo en feminino e unha mirada á realidade cada vez máis necesaria. Cada un destes libros é un deses chanzos precisos para seguir na liña do progreso, na do ascenso que as mulleres deben manter de xeito firme para recortar esas diferenzas co home que, como crebas na nosa sociedade, obríganos a un esforzo co que non contabamos e que probabelmente o optimismo de María Victoria Moreno non contaba con andar aínda a voltas neste tempo.

Tomar como exemplo a Rosalía de Castro ou a María Victoria Moreno é un axeitado canon polo que seguir poñendo os pés sobre as súas pegadas, un camiñar cheo de luzadas moradas. Unha cor de reivindicación para facer do berro xuízo e razón que alumeou ao longo desta semana en rúas, institucións ou medios de comunicación coa intención de facelo ao longo de todo o ano.

Este sábado, entre os libros de Cano Paz, proxectarase moito do que esas dúas mulleres fincaron en Galicia dende a lingua, pero tamén dende o seu compromiso co ser humano. Un Vermú con libros que fará, dende as 12.30, que voltemos a mirada cara esas mulleres bravas da nosa historia. Achéguense, non o pasarán mal, lembrando, e sobre todo coñecendo o relevo das mulleres bravas desta terra que xa lles digo eu que pagan moito a pena, e ata poden mercar un deses libriños para os seus cativos. Estarán sementando bravura, tamén conciencia, pero sobre todo futuro.

*Artigo publicado na edición impresa de El Diario de Pontevedra o sábado 11 de marzo de 2107

Comentarios