Opinión

Quo vadis, universitas

O PROCESO eleitoral na Universidade de Vigo deixou ben claro o desexo de cambio por parte da comunidade universitaria. Un cambio que se terá que visibilizar nos seguintes meses de xestión do novo reitor, Pachi Reigosa, e, de quen mais nos interesa a nós, do vicerreitor electo do Campus de Pontevedra, Jorge Soto. O Campus de Pontevedra presenta un potencial humano, social, cultural e económico de primeira orde para a nosa cidade. Pero tamén para o propio campus; o seu vencello coa cidade, e a afouteza deste elo, serán fundamentais para o seu maior desenvolvemento.

Se de algo se acusou á institución universitaria nos últimos tempos foi do seu carácter endogámico, o de autoalimentarse de costas á súa contorna. O Campus de Pontevedra optou estes anos pola permeabilidade, polo contacto coa cidadanía, coa conexión, xa non só física, senón mental, cunha cidade á que tampouco nunca se lle axudou o suficiente como para facer da súa universidade un territorio propio.

O labor do anterior vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, dende ese punto de vista, foi extraordinario, artellando diferentes canles que electrizaron á cidade e mesmo ao campus pontevedrés, revitalizando en ambos moitos aspectos que estaban adormecidos. Un deles foi a posta en valor da Casa das Campás, recordemos que cedida á Universidade polo propio Concello de Pontevedra trala súa recuperación, e que non debería nunca permanecer allea ao que son as necesidades da vila.

O labor do anterior vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, foi extraordinario artellando canles que electrizaron a cidade e mesmo o campus pontevedrés, revitalizando en ambos aspectos que estaban adormecidos

O seu emprazamento ou as súas potencialidades físicas son unha xoia coa que ao parecer dende a candidatura gañadora non estaban especialmente orgullosos das súas funcións, dubidando da súa excesiva apertura á cidadanía e de non facilitar o achegamento dos alumnos universitarios, algo que custa entender, como se as portas estivesen pechadas ou non se informase sobre as actividades que alí se desenvolveron ao longo destes anos. Unhas actividades que poucas institucións en Pontevedra plantexaron de xeito tan atinado como fixo Manuel Morquecho, o responsable da área de Cultura, e o seu equipo, dende diferentes campos da creación a través de novos proxectos, ciclos, presentacións de libros, exposicións, concertos e a máis absoluta cooperación co noso tecido cultural. Unha chea de actividades que a moita xente de Pontevedra permitíronlle, por fin, valorar a necesaria presenza da Universidade en Pontevedra, e ata descubrila, decatándose, xa non só de que unha universidade é moito máis que un conxunto de aulas no que adquirir coñecementos, senón de que ten que ser parte dun proceso simbiótico no que gañamos todos.

As sorprendentes dúbidas amosadas sobre a intensidade dese proxecto deben ser as que a Universidade de Vigo en Pontevedra terá que despexar, máis cedo que tarde, para saber a onde quere ir, si ao illamento ou a un horizonte que a faga realmente medrar, non só cara adentro, senón tamén cara fóra, que é onde os seus alumnos terán que moverse unha vez rematen os seus estudos.

Comentarios