Opinión

Un Salón con moita arte!

PAZO DA CULTURA Salon do Libro Obradoiro de cociña a cargo de Reviravolta
photo_camera Unha das actividades do salón. RAFA FARIÑA

VOLVEU o reino de Orbil a encherse de nenas e nenos celebrando un dos grandes inventos da humanidade como é o libro. Despois dos anos álxidos da pandemia e despois dos grandes esforzos dende a organización para manter do mellor xeito posible o espírito que move o Salón nese tempo, recuperar esa sensación de movérmonos nun espazo adicado á cultura, aos libros, aos nosos creadores e creadoras, e facelo na compaña de todos os cativos que, ademais de presente son o futuro mesmo, significa recuperar un desas emocións que só a cidade de Pontevedra foi quen de crear dende que se ideou este espazo que chega a súa vixésima terceira edición .

Non quero deixar pasar esa cifra porque é a que nos dá a verdadeira medida da importancia deste proxecto que cobra maior sentido ao longo do tempo. Pensar en vintetrés anos de encontros supón facelo en nenos que pasaron polo Salón desde os catro, cinco ou seis anos e que agora xa son adultos, e aos que ese vencello durante varias edicións, con todo o que se move durante estas semanas no Pazo da Cultura de Pontevedra, abofé que lles fixo interesarse pola nosa cultura e, en especial, polo mundo do libro e todo o que este pode inspirar.

Emocións que só a cidade de Pontevedra foi quen de crear

Nesas inspiracións as decoracións do Salón do Libro convértense sempre nunha referencia de cada unha das edicións. Algo que todos agardamos porque sabemos da súa importancia xa que acceder ao Salón é entrar nun país de maxia e fantasía, tamén de motivacións para botarnos á lectura e á descuberta do moito e bó que xera o noso sistema cultural, cada vez máis activo, cada vez máis firme nas súas posibilidades pese a ter, en demasiadas ocasións, que loitar contra numerosos atrancos e a falta de confianza nel Desta vez, nesta recuperación do espazo vivido do Salón do Libro, a temática permitiu facer dos dominios do benquerido Orbil un gran Museo, ao ser a arte ese motivo que como poucos pode inspirar o xerar unha contorna adecuada para motivar e envolver aos visitantes. O certo é que o resultado final é espectacular, coa posibilidade dende as paredes que rodean aos usuarios do Salón de facer un percorrido por unha chea de movementos artísticos que durante o século XX fixeron da arte un carrusel de emocións e sensacións que mudaron a unha velocidade como a que propuxo o propio século. A intrepretación feita e a súa adaptación ao que poden ser as miradas e percepcións dos máis pequenos, os auténticos protagonistas nestes días, fíxose dunha maneira brillante que permite gozar dende o Surrealismo ao Neoplasticismo ou do land art, con esa instalación adicada ao bosque de Agustín Ibarrola no espazo que se lle brinda á cultura convidada como é a de Euskal Herria, ata a fermosa lembranza ao noso Manuel Moldes. E todo iso xunto ao homenaxe a un dos nosos grandes ilustradores, Xosé Cobas, ou á escritora Marica Campo.

A todo iso que non é pouco súmenlle os contacontos, a biblioteca, os espectáculos musicais, os traballos escolares, as visitas dos colexios, as propostas artísticas e de ilustración dunha chea de mulleres da nosa contorna ou as presentacións de propostas tan interesantes como a que hoxe mesmo terá lugar da man de El Barroquista, xunto a nosa compañeira Belén López, acerca de cómo ver a arte dunha maneira diferente. Temos así un Salón do Libro que recupera a súa actividade con toda a súa forza, e sempre dende a emoción de volver e de propoñer un territorio de ilusións e soños para que os nosos pequechos sigan facendo do reino de Orbil o mellor lugar no que medrar.

Comentarios