Opinión

Esta Boa e Xenerosa Vila

Premios Pontevedreses 2022 | Rosario Álvarez, premio de honra
Rosario Álvarez, durante su discurso. RAFA FARIÑA
photo_camera Rosario Álvarez, durante su discurso. RAFA FARIÑA

A vila que mellor soubo gardar a identidade e as tradicións, con ese inmenso patrimonio amorosamente, desde sempre, que está nos alicerces da miña cultura e da miña maneira de enfrontar a vida ARMEN Patrium sive Pontevedra, cantou Amoedo dende o seu desterro boloñés. “Canto á miña patria, ou sexa Pontevedra” traduciría no século seguinte outro paisano, do Burgo Pequeno, Juan Manuel Pintos. Tamén Sarmiento, o gran frei Martín Sarmiento, mataba a morriña na súa cela monacal de Madrid soñando coa vila e contorna –“Pontevedra, mi patria”, dicía–, lembrando seguido as nosas palabras, costumes, persoeiros, espazos…, e sempre matinando en como contribuír ao progreso da vila, da ría e de Galicia.

Como non? Nada estraña, porque eles tamén sentiron o privilexio de pertencer a esta Vila, á Boa Vila. A esta Boa e Xenerosa Vila. Di a cantiga que dá de beber a quen pasa: e eu, que nacín ao pé da Fonte dos Tornos, dou boa fe diso. Pero tamén é magnánima co seu cariño, cos seus abrazos, coa fidelidade ao seu e aos seus: e eu podo aseguralo tomando como proba evidente este premio que me outorgades e que recollo como a maior honra.

Díxeno noutras ocasións, sempre co corazón na man, pero por repetilo non ten menor emoción para min, e espero que teña maior valor para vós: sei canto lle debo a Pontevedra, ás miñas fondas e amplas raíces pontevedresas. Sei tamén que teño outras débedas impagables nos moitos mananciais onde bebín e bebo a cotío: Santiago de Compostela, os compañeiros, os amigos, a Universidade, o Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega... A familia que me apoia cada día, que me sostén cada hora. Nada sería igual sen eles e elas. Pero non teño que esforzarme para lembrar que no principio estivo Pontevedra.

A vila que mellor soubo gardar a identidade e as tradicións, con ese inmenso patrimonio material e inmaterial coidado amorosamente, desde sempre, que está nos alicerces da miña cultura e da miña maneira de enfrontar a vida.

Os espazos queridos que percorro cos ollos da memoria e da saudade: da rúa Real para a Ferrería (á escola, con paradiña en Luís Martínez... e por Reis no escaparate de Varela); para a praza do Pan (agora chamada sempre Teucro)ao encontro dos amigos; para a Alameda e a acolledora Biblioteca Pública (que para min segue estando na Casa dos Fonseca, no Paseo de Colón); para san Bartolomeu ao catecismo e ao Museo (cheo de misterios e aventuras); para a Seca, onde o forno que fora de papá Antonio era o meu lugar preferido... Os paseos infantís de domingos sollíos polas Corvaceiras ata a Moureira, para volver por San Roque; as camiñadas de mocidade a Monte Porreiro, á Fracha, a Lourido e Campelo..., ou de festa a santa Margarida, san “Sibrán”, Santiaguiño do Burgo... e, por suposto, a san Benitiño; a barca de Pla, a motora de Lourido, o trole para as praias de Marín... Non sigo.

As xentes, desde o microcosmos veciñal da Fonte dos Tornos onde crecín, na casa onde nacera meu pai e puxera taller de xastra a miña avoa, Rosario, a principios do século XX. Os compañeiros da escola de Berta, sobre o Carabela, e as compañeiras do querido Instituto de Pontevedra, modélico onde os haxa, con gratitude eterna (a eles, a elas, aos nosos mestres e mestras).

Nun lugar moi especial, os moitos e marabillosos amigos que me deron unha adolescencia e mocidade inesquecibles, e que seguen alegrando os meus días: moitos deles están hoxe aquí (outros estano tamén, doutro xeito). Non me dirán que non é un privilexio: lámbricos, quérovos.

E por suposto a miña familia, pontevedresa por parte de nai e de pai, que me souberon inculcar o valor dos afectos, tamén pola Boa Vila. Tiven o privilexio de vir ao mundo nunha familia ampla que foi sempre unha rede firme tecida de cariño e solidariedades, sobre todo por vía feminina: a familia Gómez da miña avoa paterna e, sobre todo, a familia Blanco da miña nai, a tribu dos Blanco, un porto sempre seguro. O mesmo espírito de rede solidaria que ten a miña familia máis próxima (o meu home, os meus fillos e xenro, os meus netos e netas), alargada ás terras de Lugo grazas á cariñosa capacidade congregadora da miña sogra: uns e outros, que non viven en Pontevedra, aprenderon a amala a través de min.

E xa que falamos de amor á Boa Vila e aos seus asuntos. Lembro ben a emoción de meu pai ante a inminente saída do Diario de Pontevedra, despois dun tempo de silencio; el morrería pouco despois, novo, pero miña nai seguíu subscrita, con fidelidade militante ao xornal da súa vila, ata o seu pasamento, cincuenta anos despois. Eles tamén sentirían que este premio é especial por ese motivo.

Vou rematando pero non podo facelo sen felicitar aos outros premiados e sen agradecerlles as súas contribucións para o progreso de Pontevedra, día a día, ano a ano.

Grazas de todo corazón. Ao Diario, aos propoñentes, ao xurado..., en fin, a cantos fixeron posible esta distinción. Grazas aos que dades calor a este acto que non sería igual sen a vosa presenza, sen o voso cariño, para todos nós. Grazas a todos os que puxestes e puxeron vento nas miñas velas para traerme ata aquí

Comentarios