Blog | Ventureiras

A moda de poñer lavadoras

Dulces de San Valentín. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dulces de San Valentín. GONZALO GARCÍA

HAI COUSAS do pasado que nos resistimos a desterrar. Mesmo teñen o seu encanto. A quen non lle gusta que un día coma o de San Valentín a reciban na casa cun par de candeas prendidas e unha rosa? Intentamos desprendernos do mito do amor romántico pero, ai, as comedias románticas! Ai, os galáns que hoxe derrochan romanticismo! A ninguén lle amarga un doce.

O que amarga é que o galán do 14 de febreiro deixe os calzóns tirados no corredor ao día seguinte e esqueza sempre pasar polo supermercado aínda que no frigorífico non quede leite para almorzar ao día seguinte. Esa é a realidade do 15, do 16, do 17 de febreiro e máis do resto do ano. Ollo, non todos os homes son así, non me vaian tachar no día do amor de hembrista, feminazi ou calquera outro termo inventado e que se refire a unha realidade inexistente. Que si, que os hai colaboradores, pero a realidade do reparto das tarefas do fogar é máis complexa.

Igualdade tamén é que os homes renuncien aos seus privilexios

Non se trata de axudar, senón de ser corresponsable. Amigos, podedes facer a cama e pasar polo supermercado, levar aos nenos ao médico e pasar o ferro ás vosas camisas e, aínda así, é moi probable que sigades tendo privilexios. Explícao ben Emma Clit co concepto da ‘carga mental’, ao que adica todo un libro de viñetas con situacións cotiás nas que é evidente o esgotamento mental das mulleres que viven pendentes da organización e a coordinación das tarefas do fogar. Tal e como o define ela, nós somos as líderes do proxecto ‘fogar’ e contamos con colaboradores (eles) que nos botan unha man.

Por iso, cando unha muller chega á casa ás dez da noite despois dunha longa xornada de traballo e se queixa de que non hai nada no frigorífico para cear a resposta é: "non me avisaches de que fora ao supermercado". A cousa complícase cando hai fillos polo medio e a coordinadora das tarefas ten que pensar en que hai que botar a lavar o chándal de Educación Física, pedir cita no médico para a vacina dos seis meses ou atender a chamada desesperada do seu home durante o seu horario laboral porque o pequeno non para de chorar. Estar pendente as 24 horas do que é preciso facer na casa é agotador e hai que comezar a asumilo.

Neste punto sería interesante aclararlle a Pablo Casado, que vén pasear polas rúas de Pontevedra logo da súa foto do pasado domingo coa extrema dereita, que para incrementar a natalidade igual era máis interesante poñer medidas para a conciliación no canto de limitar o dereito das mulleres a interromper embarazos non desexados. Máis que nada porque somos persoas, non incubadoras.

Dun tempo a esta parte as mulleres vimos demostrando que o rol de anxo do fogar -a muller sempre doce e amable malia a todo- que se nos adxudicou no século XIX quédanos vello. O malo do romanticismo non son as rosas, por iso non nos incomodan, senón a idea de que nos bastan para ser felices. Nin os diamantes son o mellor amigo da muller, nin é preciso agasallarnos con flores para ternos contentas, basta con poñer lavadoras de cando en vez sen que ninguén volo pida, queridos. Así que non teño nada contra as florerías, pero á moda de regalar flores poderíamos sumar dende este 2019 a da corresponsabilidade real.

Hai unha cuestión que se adoita obviar cando se fala de feminismo por medo a parecer ‘odiahomes’, e é que para acadar a igualdade é indispensable que a outra parte renuncie aos seus privilexios. Un deles é vivir despreocupado das tarefas do fogar. Eu animo a todos os homes namorados a dar o paso. Feliz San Valente!

Comentarios