Blog | Ventureiras

O Torero, Vox e a caza do raposo

Raposos vítimas doutro campionato de caza. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Raposos vítimas doutro campionato de caza. RAFA FARIÑA (ADP)

HABÍA UN home nas Neves ao que chamaban o Torero. Un día de labranza, un dos seus bois deitouse no medio dun dos regos que estaba arando, esgotado pola calor e o cansazo. O home, cheo de carraxe e con ganas de acabar o traballo, deulle tal tunda que matou ao animal. Daquel episodio violento e cruel quedou un alcume que aínda recorda a miña avoa con retranca: o Torero. Nun mundo no que os touros axudaban a traballar a terra e as vacas daban leite, que un toleirán matase un boi nun ataque de mala uva era un despropósito. Moi ruín era o Torero. "Eran ruíns todos, os pais, os curas e máis as monxas; o que non batía no boi batía nas fillas", recorda aos seus oitenta e tantos.

Nos violentos anos 30, a avoa da miña avoa curaba as feridas no lombo dos bois con vinagre despois de que o seu avó, o meu tataravó, se cebase co aguillón. Porque había moitas que se resistían a crer que o látego fose necesario para todo. Que preciso foi sempre escoitarnos ás mulleres para que o mundo fose máis pacífico! Sobre a capacidade narrativa e a memoria da miña avoa deberíase escribir un libro. Non é un caso illado calquera muller de idade galega ten moito que aprendernos nos días nos que encetamos un 2019 no que seguen saíndo á luz manadas de violadores, no que hai quen quere volver borrar a nítida liña que distingue a violencia machista da violencia doméstica e no que grupos de cazadores se dispoñen a asaltar os montes de Cerdedo-Cotobade para competir a ver quen mata máis raposos.

Crear un mundo mellor é depor comportamentos propios da caverna

Avanzar cara a un mundo mellor non é só ter o último teléfono intelixente do mercado, é tamén abandonar comportamentos máis propios da caverna que dunha sociedade harmoniosa e amable. Matar por diversión -nin sequera por carraxe, coma o Torero- é un costume que non se axusta ao mundo no que eu querería vivir. Eu quero desterrar as escopetas do rural e que a ningún neno se lle poñan armas na man para matar paxaros como pasatempo. Menos se axusta aínda aos meus desexos que a Xunta de Galicia financie encontros como o que este sábado celebra a Federación Galega de Caza. Definir como deporte unha matanza de raposos é o mesmo que chamarlle control da inmigración á xenofobia ou que dicir que Vox é un partido normal omitindo que o seu discurso se parece demasiado ao que enarbolaba naqueles crueis anos 30 un tal Adolf Hitler.

É tarefa do presente chamarlle ás cousas polo seu nome. Se hai quen non ten complexos para revivir cuestións xa superadas e para cuestionar unha realidade patente como que ás mulleres nos están matando, que asuma tamén con valentía que defende postulados machistas, retrógrados, fascistas. Que sexa valente tamén Rafa Domínguez e, no canto de chíos ou polémicas baleiras, se reúna cos seus compañeiros de partido para recordarlles que a violencia machista existe.

Es mércores cumpríronse 111 anos do nacemento de Simone de Beauvoir e estes días circula polas redes unha cita do libro O segundo sexo: "Permanecede sempre vixiantes porque bastará calquera crise económica, política ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan de novo cuestionados". Segundo o CIS, entre os votantes de Vox, os homes dobran ás mulleres, unha desproporción que só se apreza no partido animalista PACMA, no que, pola contra, o número de votantes mulleres é moito maior que o de varóns. Amigas, Beauvoir tiña razón, mais a miña avoa tamén. O futuro da humanidade fomos sempre nós, plantándolle cara ao fascismo ou curando as feridas no lombo dos bois con vinagre.

Comentarios