Opinión

Jabón de La Toja

Crónica dun tempo

NO ANO, na era do xabón – convertido nunha das armas principais na loita contra ese inimigo invisible chamado covid-19, axudando a rachar coa bicapa lípida do virus–, celebrouse na Illa da Toxa un foro disque económico, co fin de fomentar o pensamento e potenciar novas ideas que poidan servir de referencia nesta longa e dura travesía que estamos iniciando no plano social, político e, sobre todo, económico.

Nesta fermosa illa, conta a lenda que un burro enfermo foi abandonado polo seu dono. Cando volveu despois de varias semanas, atopouno perfectamente san e totalmente recuperado das súas feridas. Emilia Pardo Bazán recolleu na súa escrita o tal poder medicinal destas augas, salientando que cando o home atopou o burro este tiña o pelo tan relucente que sería a envexa do de Sancho Panza.

Nesa fermosa illa do noso país, rica en augas mineiro medicinais, foron convocados unhas poucas mulleres, algúns empresarios e moitos políticos, nun xesto decimonónico caduco, acorde co escenario que definen algúns dos edificios do lugar. A igualdade de xénero brillou esa fin de semana pola súa ausencia, coma se non houbera mentes moito máis interesantes que a dalgúns dos que aparecían na foto. Pero se o tal Foro esbarrou neste senso, que dicir da falcatruada cara o idioma, o 'Foro La Toja', a toponimia oficial dinamitada nunha falla absoluta de respecto.

No colmo da era da non verdade, algún titular chegou a falar de que aí se reunían as mentes máis brillantes, e malia que alí se atopaban algúns empresarios e directivos serios e prestixiosos tamén había moito actor secundario, que nada ou pouco poden contribuír nesta andaina cara a un novo paradigma económico, porque xa teñen amosado dabondo nas súas carreiras profesionais e políticas a carencia de ideas. Nunca propuxeron absolutamente nada interesante, nin de vangarda, agás a habilidade dos nugalláns de permanecer no posto o maior tempo posible; persoeiros que nunca tentaron mudar a realidade que tiñan diante deles, sabendo que tiñan a posibilidade de mellorar a vida de moitas persoas.

Así, a tal xuntanza rematou sen máis pouso que o dalgún retrato, e sen ningunha proposta que se diferencie deses lugares comúns dos que xa imos estando fartas. Máis ben foi unha cuestión de postureo, na liña daquilo que me explicou hai moitos anos un veterano político cando eu comezaba a miña andaina nese mundo, e que resumiu nunha célebre frase: "tú me das cremita, yo te doy cremita". Iso era, segundo el, facer política. Pasar unhas horas a fin de semana, e pouco máis, mentres o mundo vai estragándose a un ritmo de vertixe, inmerso como está nunha treboada de consecuencias imprevisíbeis.

Pero na Toxa o que se deron algúns non foi "cremita", senón xabón. Non hai que esquecer que aí se fabricou durante anos un dos máis coñecidos e consumidos. Eu manteño aínda a esperanza de que se obre un milagre, como aquel do que falaba Emilia Pardo Bazán, e esas augas máxicas que alí emanan tiveran lustrado a algúns dos presentes porque o momento é complexo e precisa de moita sabedoría. Poida que teña que facerlle caso ao lingüista e activista Noam Chomsky cando sinala nunha das súas últimas entrevistas que "a pandemia ilustra o gran dano que a era neoliberal ten feito á meirande parte da poboación, quizais non deberíamos facernos ilusións no credo dos mercados ou o homo economicus".

Comentarios