Opinión

A lousa da fraude

UTILIZACIÓN FRAUDULENTA do sistema para eliminar politicamente os rivais. Tamén para evitar problemas xudiciais propios. Soa a método recorrente de Putin en Rusia ou Ortega en Nicaragua, pero a investigación arredor da posible caixa B do PP reflicte un procedemento co mesmo obxectivo. Por orde da cúpula ministerial tratábase de sabotear o que podía comprometer e por contra dar base ficticia, ás veces con pseudoinformes, para atacar contrincantes. Modificación de dossieres, algúns que pola súa inconveniencia non se entregaban durante anos, intentos de censurar outros, acusación de fabricar probas, organización dunha brigada política paralela á estrutura policial e moitas máis irregularidades que van transcendendo segundo dan testemuña declarantes no xulgado que instrúe un caso que ten ao principal partido da oposición na corda frouxa desde hai oito anos coa detención de Bárcenas. Unha lousa mentres non se borre a sombra da corrupción.

Comentarios