Opinión

Aceptar a derrota

SABER GAÑAR ou perder vai no carácter, non debería transcender o ámbito privado; pero deslexitimar unha derrota nas urnas é atentar contra a democracia. Trump non soubo comportarse na vitoria, pero peor é non admitir que o seu rival tivo máis apoios, en votos totais e no colexio electoral. Isto é inusual en Estados Unidos, onde unha vez concluído o escrutinio o perdedor soe poñerse ao servizo do presidente electo.

Máis habitual é en España, onde en demasiadas ocasións non se recoñeceu o triunfo do opoñente. Aínda de cando en vez resoan voces que consideran a Sánchez usurpador dun posto que non lle corresponde, igual que hai anos se opinaba o mesmo de Zapatero. Pois tanto isto como aquilo representan unha agresión á democracia que pode fomentar revoltas contra o sistema por rexeitamento da vontade popular. Por moito que Trump se ancore á Casa Branca terá que deixar paso a Biden, e aquí aínda que se cuestione a Sánchez, seguirá na Moncloa.

Comentarios