Opinión

Aparencias para tapar perversións

NON ESTÁ condenado, só denunciado, e iso lévao a abandonar o partido pero non os cargos, que é o realmente importante. É un proceso habitual en políticos que toparon coa Xustiza. Este é agora o caso do líder de Vox en Andalucía, idéntico a moitos outros que deixan as siglas, temporalmente case sempre, pois se resultan incólumes volven militar. Aquí xa ten ocorrido con alcaldes, deputados e outros representantes públicos que para preservar o partido, seguindo as directrices éticas internas, déixano para se os tribunais o permiten poder retornar. O xuíz Serrano, coñecido en España por liderar o discurso que pon en dúbida a violencia machista que logo o partido de extrema dereita asumiu, xa non é de Vox, pero segue no Parlamento andaluz, o que lle permitirá continuar votando igual que os seus excompañeiros pola súa acta de non adscrito, nunha perversión que aparenta hixiene política cando non é máis que unha deturpación dela.