Opinión

A arrogancia revírase

Poden ter millóns de oíntes e chegar a conclusións erróneas, e contar con miles e miles de seguidores nas redes sociais e non estar atinados nos seus postulados. Unha recua de persoas detrás non fai á xente infalible, por iso algúns arrogantes reciben un zas en toda a boca cando cren que atacar en publico a quen pensa distinto lles vai reportar aplausos. Internautas a mancheas cebáronse con Carlos Herrera por chamarlle parvo a Risto Mejide por estar en contra das touradas. Parece que opoñerse a esta sanguenta festa converte en imbécil. Vaia. E o mesmo efecto búmerang lle sucedeu a Cayetana Álvarez de Toledo cando arremeteu contra Manuela Carmena polas vestimentas dos Reis Magos, pois a puñada volveuse contra a súa cara. O clasismo ten estas consecuencias. Recorrer á tradición, sen outro argumento que un conservadorismo rancio e inmóbil, ten os seus riscos.

Comentarios