Opinión

Atacar Cataluña para obter votos en España

O DISPUTADO voto anticatalán, así titulaba hai uns días un periódico de Barcelona para analizar a pugna entre os agora tres partidos de dereitas por sumar apoios na Comunidade Valenciana. Pero este sufraxio anticatalán non se circunscribe ao levante, senón que é extensible ao resto dos territorios, uns máis ca outros, claro; pero en todos existe un amplo viveiro de nacionalismo español no que lanzar as redes e Cataluña é a escusa perfecta.

Antes foran Eta e Euskadi os utilizados como argumento electoral e agora é a outra comunidade díscola, e non hai que retraerse máis que aos recentes comicios andaluces, nos que na campaña se falou máis de Cataluña que dos asuntos propios. Na liorta prodúcese unha competencia feroz en radicalidade, que se un abomina do diálogo entre o Goberno e o Govern, outro reclama a inmediata aplicación do 155, que se un defende a eliminación das competencias autonómicas, outro avoga por prohibir os partidos independentistas. E todo por obter votos en España.

Comentarios