Opinión

Ataques que deixan defensas desgornecidas

Tiñan PSOE e PP en letargo a utilización dos estudos dos seus respectivos líderes como arma política ata que Ciudadanos destapou a caixa das treboadas e todo mudou. Non hai recuada e recórrese ao ataque como mellor defensa, aínda que poida ter efecto búmerang. O PP obrigará a Sánchez a comparecer no Senado para dar explicacións sobre a súa tese de doutoramento aínda que o aforado Casado teña moito que perder cando se fala de títulos, pois aínda que foi exonerado de responsabilidade penal por non poderse demostrar conivencia entre profesores e alumno no seu máster, evidénciase trato de favor porque nin foi a clase nin presentou traballos e, porén, obtivo cualificacións de sobresaínte nas catro materias que cursou, xa que as outras 18 fóronlle convalidadas. E isto logo de que dimitira unha ministra por irregularidades académicas. Os embates non poden deixar desgornecida a retagarda.

Comentarios