Opinión

Un bandazo cara o camiño ancho

COMO por un camiño ensarillado ía cara a desfeita, decidiu volver ao sendeiro que abandonara porque semella máis seguro. Por tranquilidade, quizais máis que por convicción. Achegárase Casado ao precipicio por cercanía a Vox. Consideraba o líder popular que con esa inclinación acaparaba espazo desa tendencia agora organizada fóra do partido no que sempre estivo. Pero unha vez amortizada e asumida a perda pola dereita, recúa visto que o ancheamento da base non vén por aí, senón cara o outro lado.

Neste cruce de cara ás eleccións do 10-N opta polo camiño ancho, que dá seguranza e parece o único xeito de recuperar espazo. As enquisas danlle a razón. Volver aos 10 millóns de votantes de Aznar no 2000 cando só había unha dereita resulta impensable, pero superar amplamente os menos de 4,5 millóns de abril parece un reto asumible, sobre todo coa nova estratexia. Bandazo, dirán algúns; si, pero imprescindible para ser alternativa de goberno.