Opinión

Cambio de rumbo e continuidade

AGORA SI. Despois de tres meses culminou o proceso. Os congresos madrileño e galego do PP liquidan a era Casado e abren a de Feijóo en España e a de Rueda en Galicia, aínda que cun significativo elo pendente, a elección dos representantes populares galegos no Senado que permitirá ao novo equipo reitor facer oposición a Sánchez. Cambio de rumbo en Génova e continuidade en Monte Pío cun horizonte non nas eleccións xerais un e autonómicas outro, senón nas municipais que agardan aí xa dentro dun ano. Esa será a referencia, reto desde o que impulsarse ou lastre que retraia. Por iso é tan determinante, motivo polo que Rueda fortalece o municipalismo na executiva e prescinde de conselleiros sabedor de que a mellora de resultados no próximo maio facilitaríalle a continuidade na Xunta e pola contra se leva aparellado un descenso dificilmente se podería manter. Nas municipais o líder autonómico apenas conta, pero delas dependerá o seu futuro.

Comentarios